Rodríguez quixo poñer en valor os investimentos que recollen os Orzamentos do goberno autonómico que preside Feijóo que dan resposta ás peticións que lle ten trasladado o Grupo Municipal Popular. Rodríguez subliña o traballo construtivo do Grupo Popular en beneficio dos viveirenses e critica “a falta de capacidade de negociación da alcaldesa socialista” como demostran “os seus continuos reproches á Xunta cando se aborda calquera tema de interese para Viveiro”.
O voceiro do PP explica, por exemplo, que “a Xunta destinará preto de 2,8 millóns de euros ao saneamento de Celeiro e a mellora da EDAR de Viveiro e outros preto de 2,6 millóns para mellorar a liña de tratamento da EDAR de Viveiro”. Son preto de 5,4 millóns de euros en total por actuacións de mellora no ámbito do saneamento e tratamento de augas residuais “que son de competencia municipal e polas que o goberno municipal non se preocupou dende fai anos”.
Rodríguez engade que “a Xunta cumpre co seu compromiso co barrio da Xunqueira e ao longo do vindeiro ano acometerá traballos de minimización do risco de inundacións cun orzamento de 250.000 euros”.
A Consellería do Mar, a través do ente público Portos de Galicia, contempla a mellora da nave de arrastre por un importe de 120.000 euros e a instalación dun novo pantalán para embarcacións menores dotado dun investimento de 300.000 euros. En relación ao medio rural, a Xunta achegará máis de 800.000 euros en axudas para a prevención de incendios, plans forestais, actuacións e loita contra pragas, traballos no monte e mellora de infraestruturas rurais. E de cara á potenciación e recuperación de edificacións e cascos históricos, dentro do Plan Rexurbe, reserva algo máis de 300.000 euros para o noso municipio.
Gastos extraordinarios derivados da covid-19
O Goberno autonómico dirixirá 250.000 euros no vindeiro ano para mellorar a eficiencia enerxética nas aulas do IES María Sarmiento; pero, ademais, “os orzamentos recollen unha partida de 114.000 euros para gastos extraordinarios nos centros educativos do municipio derivados da covid-19.
Así mesmo, tamén a Consellería de Política Social destina preto de 400.000 euros para adecuación de centros de inclusión social e para afrontar gastos extraordinarios derivados da covid-19.
Outros investimentos
A Xunta de Galicia dirixe outros recursos á mellora das comunicacións da zona. O Executivo galego seguirá avanzando na execución da Vía de Alta Capacidade da Costa Norte que pasa polo municipio viveirense e mellorando as estradas autonómicas AC-862, AC-556 e LU-540, coñecida como a estrada da Gañidoira, onde se actuará na mellora do trazado que permitirá incrementar a seguridade viaria.
Con respecto a LU-540 hai que sinalar que se está ultimando o proxecto técnico e que a Xunta traballa co obxectivo de sometelo a información pública na próxima primavera. Préstase especial atención a actuación a levar a cabo na zona de Landrove, onde se atopan as curvas máis difíciles e na que a intervención será máis ambiciosa.
Os Orzamentos da Xunta para o 2021 tamén recollen 2,2 millóns para garantir a operatividade do Servizo de Gardacostas de Galicia que opera dende Celeiro.
“Resposta extraordinaria a unha situación excepcional”
Elena Candia puxo en valor que Lugo volve a ser a provincia galega co maior investimento da Xunta de Galicia por habitante, ao destinar 4.704 euros a cada lucense. Ademais, a achega que fará a Xunta de Galicia en 2021 á provincia convértea na administración que máis inviste no noso territorio. “Son uns orzamentos realistas, que se centran nas persoas, que non soben impostos e prestan unha especial atención á pandemia e á reactivación económica”, subliñou.
Javier Arias destacou que “os orzamentos da Xunta de Galicia para a provincia de Lugo, os máis altos da historia, medran en 143 millóns de euros para dar unha resposta extraordinaria a unha situación excepcional”. Isto significa que “catro de cada cinco euros destínanse a gasto social, emprego e reactivación económica, ademais de incidir na súa aposta constante polo equilibrio territorial”, apuntou. En definitiva, Arias Fouz fixo fincapé en que “están concibidos para blindar, dunha banda a sanidade pública e os servizos sociais, e doutra, os sectores produtivos e o emprego”.