Site icon Crónica3.com A Mariña

Pepe Peinó recibe este venres no Valadouro o premio como gañador do V Concurso “Balbino” de Relatos, co seu libro Bica de Montouto

O Valadouro, 10 de decembro, 2020. O salón de actos do Concello do Valadouro, acollerá este venres 11 de decembro, ás 20.00 h, a entrega do premio e presentación do libro “Bica de Montouto” gañador do V Concurso “Balbino” de Relatos, da autoría de José Vázquez Peinó, coñecido como Pepe Peinó.

O acto, que estará aberto ao público ata completar aforo, contará coa presenza do profesor, escritor e membro do xurado do Concurso “Balbino” de Relatos, Xosé Manuel Lobato; o presidente da Fundación Xosé Neira Vilas, Fernando Redondo; o prologuista do libro, Bernardo Penabade; o ilustrador da portada, Antón Caxoto e o gañador do Concurso “Balbino” de Relatos, Pepe Peinó.

Para aquelas persoas que non poidan acudir á presentación, o autor estará desde as 18,00h asinando libros no propio salón de actos.

Durante o acto tamén contaremos con acompañamento musical dun cuarteto clásico, que estará formado por catro membros das Escolas de Música e orquestras de Burela e Xove.

Está integrado por:

Violín Primeiro: Gabriela Pedre Lastra, alumna de violín e membro das Escolas de Música e Orquestras de Burela e Xove.

Violín Segundo: Eva Lastra Barreira, mestra especialista en Educación Musical e violín na orquestra de Xove.

Viola: Xacobe Pedre Otero, Profesor titular de violín e viola nas Escolas de Música de Burela e Xove.

Violonchelo: Bruno Pedre Otero, mestre especialista en Educación Musical, director de agrupación corais coma o Coro Universitario da USC no Campus de Lugo, do Coral Polifónica de Barreiros e do Coro de Cangas de Foz.

Interpretarán:

* Negra sombra. Letra: Rosalía de Castro e Música: Xoan Montes Capón.

* Non te namores meniña (Cantiga da Cañiza).

Música: Popular Galega.

Polas circunstancias xa coñecidas por todos, este acto vai estar condicionado polas medidas necesarias e imprescindibles para que se fagan respectar as distancias de seguridade, así como a utilización de máscara, etc. para tratar de protexer a saúde de todas as persoas asistentes.

Prégase que o público se achegue 30 minutos antes do comezo do acto no que colabora o Concello do Valadouro. A Entrada é libre ata completar o aforo.

Concurso “Balbino” de Relatos

Este concurso, de periodicidade anual, está aberto á participación de escritores e amantes da escritura, de calquera idade ou nacionalidade, co único requisito de que o idioma no que estea escrito o orixinal deberá ser en lingua galega e que terá como motivación temática o rural, o mar e a emigración.

O autor premiado recibe un premio dobre; por unha banda, un cheque por valor de 1.500 euros e, por outra, a publicación da obra por Edicións Fervenza.

Na anterior edición, en 2019, resultou gañadora a obra “B.S.O. Banda Sonora Orixinal”, de Pablo Nogueira. En 2018 a gañadora foi “Máis alá do río do esquecemento”, de Ricardo Ferreiro Almeda; e en 2017, “De que falarán as árbores”, de Ricardo Cid Paz; mentres que na primeira edición, en 2016, o premio recaeu en “Camiños na sombra” de Xián Lois Alcayde Dans.

O xurado destacou da obra

O xurado deste V Concurso “Balbino” de Relatos estivo formado pola poeta, Rosalía Morlán; polo profesor e escritor, Carlos Loureiro; polo profesor e escritor, Xosé Manuel Lobato e polo profesor, escritor, investigador e crítico literario, Armando Requeixo e todos coincidiron en destacar da obra:

“Esta novela, Bica de Montouto, destaca pola forza telúrica dunha historia sobre o despoboamento rural e a desaparición dun mundo que esfarela e no que se moven uns personaxes cheos de matices que loitan pola supervivencia dos seus eidos e da memoria da vida que neles se garda.

Ante a inminente desaparición da súa aldea, catro anciáns deciden unir forzas e crear unha pequena industria artesanal que do tempo que os une consiga afincar a esperanza da supervivencia da aldea.

Fondamente lírica, e con grande sensorialidade, esta novela é o canto melancólico dun mundo que se vai pero que non se resiste a desaparecer sen nos ofrecer o máis fermoso canto de cisne antes de esvaecer”.

Colaboracións

Neste Premio e na publición do libro colaboran a Consellería de Cultura e Turismo, a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, o departamento de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra, e os concellos de Boqueixón, Silleda e Vila de Cruces, así como a Fundación Xosé Neira Vilas.

Pepe Peinó

Nado en Lugo o 27 de outubro de 1960, estudou Maxisterio en Lugo e é licenciado en Ciencias da Educación pola Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED). Realizou os estudos de Doutoramento na mesma UNED e comezou a elaboración da Tese Doutoral, primeiro na UNED e logo na USC, sen rematala. Exerceu como profesor de Ciencias Sociais, Xeografía e Historia no Instituto de Ensinanza Secundaria Alfoz-Valadouro entre os anos 1997 e 2020.

Como autor teatral, escribiu preto de 100 obras de teatro cómico afeccionado, que se representaron en multitude de concellos da Mariña Lucense e noutros lugares. Dirixiu o Grupo de Teatro do Instituto Alfoz-Valadouro, gañador de varios certames de teatro a nivel provincial, e o Grupo de Teatro Xuvenil “A Maseira”, dos concellos de Alfoz e O Valadouro. É membro fundador do Grupo Teatral “Raiolas”, de Alfoz, para o cal escribiu varias obras, participando tamén como actor. Igualmente, é tamén membro fundador do Grupo Humorístico Trípode e membro do Grupo Teatral “O Centiño”, de San Martiño, en Foz. Para todos estes grupos escribiu tamén unhas cantas obras de teatro.

No aspecto cinematográfico, dirixiu máis de dez películas. Co Instituto Alfoz-Valadouro dirixiu “Malos tempos”, película gañadora do Primeiro Certame Ouff Escola, no Festival Ourencine, de Ourense. Tamén logrou varios premios no Certame de Cine do Instituto Monte Carrasco de Cangas do Morrazo. A súa última curta, titulada “Medos”, foi seleccionada no Certame organizado na Semana do Cine de Lugo no ano 2020.

No medio radiofónico dirixiu e presentou o programa de debate “Parolando” durante 11 anos, 7 anos na emisora de Radio Valadouro e outros 4 anos en Radio Burela. Colaborou tamén noutros diversos programas e na emisora de Radio Foz.

Foi presentador en diversos eventos culturais da Mariña Lucense, como a Feira do Libro de Burela, diversas galas musicais ou presentacións de libros.

Leva publicadas varias novelas: Escombros, moitos escombros (2015) e A fuxida (2018), ambas en galego, e A Solo no le gustaba su nombre (2020), en castelán. Tamén publicou o libro Vinte obras de teatro afeccionado, unha recompilación de vinte das súas obras de teatro, escritas todas en galego. Participou tamén na preparación da zarzuela O amor de Afonso Reimúndez, representada no Mercado Medieval de Mondoñedo no ano 2018, escribindo o libreto, ao que lle puxo música Xan Carballal, impresa en Lugo no ano 2019.

Exit mobile version