Site icon Crónica3.com A Mariña

Xornada 2. Primeira Feminina. Pescados Rubén 6-2 Intersala

 Burela, 27 de decembro, 2020. O Pescados Rubén Burela FS pecha a primeira volta e 2020 reforzando o liderado do Grupo B (22 puntos) de Primeira División tras o claro triunfo ante as novel Bodegas Sommos Intersala (6-2). O conxunto mariñán volverá ao parqué o sábado 9 de xaneiro, coa Supercopa de España en xogo ante Poio Pescamar FSF.

As campioas de Copa da Raíña regresaron ao mausoleo laranxa, demostrando unha vez máis a súa entrega, marcando o compás para non deixar escapar nadiña de nada ao azar e xerando un constante asedio sobre a rede de María de Val. Ale de Paz (minuto 3), a pase de Cilene, Cristina (minuto 16), entre as pernas da meta visitante, e Bea Mateos (minuto 18), asistida por Elena Aragón desde a banda, outorgaron a vantaxe de 3-0 ao descanso. As pupilas de Julio Delgado e Lucas non deixaron marxe de manobra, con continuas finalizacións, fronte a un Intersala afanado nunha defensa moi pechada.

Cilene, que xa fixera tremer a rede nun par de ocasións antes do descanso, ampliou a fenda no minuto 23 nun centro de Dany, con Carol na custodia. Intersala, con continuas dificultades na zona de elaboración, encaixou o quinto nun contragolpe de Cristina, outra das incisivas da cita, sen opción de repregamento. A pelexa e a coraxe do equipo visitante atopou a súa recompensa rozando o 30 de xogo nun erro defensivo laranxa, con saída e autopase de Titina que cruzou con Vice para sortear a Sandra Buzón. Tras a nova aparición de Ale de Paz subindo o 6-1 na caza dun saque de banda maño, o Intersala mitigou a avalancha laranxa no 38 nunha contra de Vice, en dobre tentativa sobre Sandra Buzón. Con 6-2 e certa relaxación defensiva das galegas, o conxunto aragonés pelexou polo terceiro, que desartellaron entre Sandra e Elena na recta final. Vice aínda o tentou cun disparo á escuadra pero aí estaba a meta burelista para desarmalo.

Ficha técnica

Pescados Rubén Burela FS: Sandra Buzón, Dany, Cilene, Ale de Paz, M. Cortés, cinco inicial; tamén xogaron Cristina, Bea Mateos, Elena Aragón, Lara Balseiro, Cami

Bodegas Sommos Intersala FS: María de Val, Romero, Vice, Titina, Ana, cinco inicial; tamén xogaron Lucía, Paula, Nerea, Sandra, Carol

Goles: 1-0, minuto 3, Ale de Paz; 2-0, minuto 16, Cristina; 3-0, minuto 18, Bea Mateos; 4-0, minuto 23, Cilene; 5-0, minuto 27, Cristina; 5-1, minuto 30, Vice; 6-1, minuto 34, Ale de Paz; 6-2, minuto 38, Vice

Árbitros: Bravo Sarango // Otamendi Lascarro (Navarra).

Incidencias: Partido correspondente á xornada 2 –aprazada- de Primeira División Feminina disputado en Vista Alegre. As Guerreiras ofreceron o trofeo da Copa de S. M. A Raíña á Bancada Laranxa, con corredor de Intersala.

Exit mobile version