Site icon Crónica3.com A Mariña

Medio Rural colaborará no acondicionamento de camiños de Fazouro e San Martiño, no concello de Foz

 Lugo, 28 de Xaneiro de 2021. A deputada de Medio Rural, Mónica Freire anunciou que a Deputación de Lugo colaborará coa área de Patrimonio, Medio Ambiente, Medio Rural e do Mar do Concello de Foz, que dirixe Francisco Xavier Fanego, no acondicionamento e mellora de camiños nas parroquias de Fazouro e San Martiño.

Os traballos a desenvolver céntranse na escavación e perfilado das cunetas e na reposición de pasos canadenses, por un importe de 13.926,32 euros dos cales 13.230 euros son aportados desde a área de Medio Rural da Deputación de Lugo, e os restantes polo propio Concello de Foz.

“Dende a área de Medio Rural da Deputación de Lugo estamos a facer un esforzo para que os concellos poidan dispoñer dos medios suficientes para o mantemento das zonas rurais, instalacións, para que a poboación poida aceder aos mesmos servizos que en ámbitos máis urbanos”, explicou a deputada nacionalista.

Francisco Xavier Fanego, primeiro tenente de alcalde e responsable de Patrimonio, Medio Ambiente, Medio Rural e do Mar, indicou que “se trata de melloras moi necesarias e demandadas pola veciñanza xa que evitarán as acumulacións de auga que se veñen producindo nalgúns puntos deses camiños, especialmente no barrio de Forxán, en San Martiño”

Segundo se establece no convenio, as obras deberán executarse antes de finais de xuño.

Exit mobile version