Site icon Crónica3.com A Mariña

178 deportistas beneficiáronse das axudas para modalidades individuais da Vicepresidencia

 Lugo 27 de xaneiro de 2021. O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicou este mércores a concesión dos premios para deportistas de modalidades individuais que outorga a Vicepresidencia da Deputación de Lugo a través da área de Deportes. 178 deportistas recibiron as achegas, que oscilan entre os 300 e os 1.500 euros en función dos méritos deportivos acreditados.

O deputado de Deportes Efrén Castro sinalou que “coas axudas tratamos de contribuír a financiar os custos derivados da actividade competitiva e tamén incentivar e recompensar o seu esforzo por mellorar a nivel deportivo, sendo conscientes das dificultades que iso supón, especialmente nas etapas de iniciación”.

As bolsas benefician a deportistas empadroados na provincia, con licenza federativa e menores de 35 anos, de diferentes modalidades: atletismo (67), piraguismo (26),pentatlón moderno (19), tiro olímpico (12), natación (10), judo (10), taekwondo (9), karate (7), hípica (4) , surf (3), squash (2), kickboxing (1), tenis (1), ximnasia (1), billar (1), triatlón (1), bolos (1), remo (1), orientación (1) e loita (1).

As contías establéceronse en función dos logros deportivos, tendo como referencia os postos acadados en campionatos e ránkings mundiais, europeos, españois, galegos ou provinciais ao longo de 2019.

Asi, as maiores contías -entre 1000 e 1500 euros- recibíronas atletas como Jairo Salgueiro, Manuel Hurtado, Adiaratou Iglesias, Adrián Ben, Saleta Fernández ou Nuria López; o triatleta Esteban Basanta; o taekwondista Daniel Areán; o piraguista Ramón González; o loitador Carlos Yobani; as pentatletas Mercedes Vila, Andrea Vidal, Thalia Abiba Oyono e Manuel Fernando Cobas; e o xogador de billar Francisco Doval.

O deputado de Deportes explicou que “para estas axudas, correspondentes á convocatoria de 2020, se tomou como referencia o palmarés de 2019 polo que non influíron nelas as circunstancias excepcionais que o deporte está a vivir pola Covid” e adiantou que “este ano avaliaremos a situación para adaptar a convocatoria ao impacto da pandemia e que os recursos sigan chegando ao tecido deportivo”.

A área de Deportes investiu nesta convocatoria de concorrencia competitiva un total de 85.500 euros, que se suman aos 500.000 concedidos a clubs e entidades deportivas.

Exit mobile version