Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG denuncia que o escándalo das inmunizacións irregulares chega ao Hospital da Mariña, onde afirma que a Dirección do centro hospitalario saltouse os protocolos para vacinarse

 Burela a 25 de xaneiro de 2021. CIG Saúde sinala que segundo a INSTRUCIÓN 1/21, DA XERENCIA DO SERVIZO GALEGO DE SAÚDE, SOBRE O SEGUNDO PROCESO DE VACINACIÓN COVID-19 DE PERSOAL EN CENTROS SANITARIOS DE GALICIA tivo lugar a vacinación COVID 19 de persoal do Grupo 2, persoal de institucións sanitarias de primeira liña de atención a pacientes COVID e/ou inmunodeprimidos e persoal exposto a riscos biolóxicos por procedementos xeradores de aerosois segundo criterios do Plan específico de prevención de riscos laborais do persoal do Servizo Galego de Saúde.
“Seguindo está instrución nesta fase non se atopaban incluídas as persoas con cargos directivos dos centros hospitalarios, e menos cando aínda quedan máis de 250 compañeiros/as sen recibir a primeira dose da vacina, moitas con función asistencial aos pacientes”, explican.
“Dende CIG Saúde temos constancia de que no Hospital da Mariña, o luns 18 de xaneiro de 2021 foi vacinada a Directora do Distrito da Mariña, a Subdirectora Médica, a Subdirectora de Enfermaría, a Supervisora de Área e a Xefa de Admisión e Documentación Clínica, empregando o poder que lles da o seu nomeamento para vacinarse saltándose o protocolo establecido polo propio SERGAS, namentres unha parte importante do persoal asistencial non foi vacinada pola falla de doses para todo o persoal”, afirman.
“Nunha xuntanza que mantivemos con esta Dirección o día 19 de xaneiro, a propia Directora do Distrito Sanitario explicou o plan de vacinación, e afirmou que tanto a parte administrativa, como a equipa directiva e as organizacións sindicais serían as últimas en recibir a primeira dose, e sempre en función da dispoñibilidade das mesmas, cando xa se atopaba vacinada dende o día anterior”, denuncian.

ABUSO DE PODER E FALTA DE ÉTICA.
Dende CIG Saúde A Mariña entenden que este acto carece de ética e de moral e amosa un abuso de poder ao utilizar vacinas destinadas a persoas de primeira liña de risco para protexerse a se mesmas.
Curiosamente esta situación xurdiu despois de que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afeara o comportamento das persoas que aproveitaron a súa posición como cargos públicos para vacinarse antes do que lles correspondería segundo criterios médicos.

DIMISIÓN:
“Dende CIG Saúde A Mariña solicitamos explicacións públicas ao SERGAS e a dimisión da actual equipa directiva do Hospital da Mariña”, conclúen.

Exit mobile version