En concreto, a institución provincial reclámalle ao Executivo autonómico que inclúa nos seus orzamentos do 2021 cando menos 100 millóns de euros para os concellos, que ata o momento non recibiron nin un só euro extra para afrontar a pandemia, co obxectivo de axudarlles a facer fronte ás competencias impropias que están cubrindo na loita contra a crise sanitaria, e 120 millóns de euros para crear unha liña de axudas destinadas aos sectores económicos máis afectados polas restricións da Covid-19.
A voceira socialista do Goberno da Deputación, Pilar García Porto, explicou no Pleno que esta iniciativa complementa a proposta das deputacións de Lugo, A Coruña e Pontevedra que foi trasladada onte ao Clúster de Turismo de Galicia de crear un fondo común de rescate para o sector da hostalería e o turismo ao que a Xunta, as catro deputacións e os sete grandes concellos galegos destinen o 1% do seu Orzamento do 2021. “Nós estamos dispostos a seguir colaborando para apoiar a un dos sectores máis afectados pola pandemia”, subliñou.
Fixo fincapé García Porto en que a suma do 1% dos orzamentos da Xunta de Galicia, das catro deputacións provinciais e das sete grandes cidades galegas permitiría crear e coordinar un gran plan de axudas directas ao sector por importe de máis de 140M€, un importe case tres veces superior aos 50M€ que propón o Goberno galego. Este fondo común estaría máis adaptado ás necesidades e á realidade do sector permitindo outorgar axudas de maior contía a hostaleiros e empresas do sector turístico e unha tramitación máis simple, con menos burocracia, ao tramitarse unha única solicitude.
A voceira socialista do Goberno lembrou na sesión plenaria que a “Xunta de Galicia non ten presentado nestes meses un plan de axudas concretas para paliar os efectos da Covid nos sectores máis afectados”. Engadiu que a “única iniciativa que puxo en marcha ata o momento foi habilitar unha axuda económica de 22 millóns, unha cantidade que é insuficiente e que non garda relación coas perdas dos negocios, nin co esforzo dos concellos, que non está repartida na súa totalidade e que representa unha porcentaxe ínfima dos fondos extra de loita contra a Covid que lle ten transferido o Goberno do Estado e a Unión Europea á Xunta de Galicia”.
Así mesmo, detallou a Deputada que o Goberno de Núñez Feijóo ten as competencias estatutarias na materia e conta tamén con recursos económicos, xa que no 2020 o Estado lle transferiu 224 millóns de euros a través dos fondos Covid, e vén de anunciar o reparto doutros 441 millóns de euros.
A proposta aprobada polo Pleno da Deputación tamén inclúe que, ao igual que moitos concellos reduciron ou bonificaron os impostos e taxas municipais, a Xunta, tal e como pide a hostalería e o comercio, rebaixe tamén a presión fiscal sobre os sectores afectados eliminando ou bonificando o tramo autonómico do IRPF e o canon da auga, do lixo e o canon eólico. E, ademais, solicita unha mesa institucional interadministrativa na que se acorden as axudas, e incluír nos propios decretos de restricións sanitarias o volume de axudas para facer fronte ás consecuencias que xeran nos sectores afectados.
“A Xunta recibiu 224M€ do Estado e non fixo nada”
A voceira provincial socialista cualificou de “demagóxica” a negativa do PP a unha proposta que supón pedir á Xunta que dote ás entidades locais de 100M€ para afrontar as consecuencias da pandemia no tecido social e económico e axudar aos sectores económicos máis afectados con 120M€. “Aquí só hai unha verdade, a Xunta de Galicia xa recibiu 224 millóns de euros, e que fixeron? Nada, poñerlle deberes aos concellos. A Xunta actuou con deslealdade institucional absoluta, sen contar con ninguén. Nós tendémoslle a man á Xunta e ao tecido asociativo e produtivo. Non enganamos con falsidades, pídolles que teñan valor para que a Xunta poña a súa parte proporcional, vano facer? Non”.