A subdelegada informou que desde o pasado venres, cando entraran en vigor as anteriores medidas sanitarias, a Policía Nacional e a Garda Civil despregaron na provincia de Lugo 552 dispositivos de seguridade nos que foron identificadas un total de 6.858 persoas e controlaron 5.778 vehículos.
Isabel Rodríguez detallou que nas cinco xornadas comprendidas entre os días 15 e 19 de xaneiro a Garda Civil e a Policía Nacional formularon 106 propostas de sanción polo incumprimento das restricións á mobilidade e os contactos sociais que fixara a Xunta de Galicia para os concellos da provincia de Lugo durante ese período de tempo.
Trala xuntanza do CECOR, Rodríguez anunciou que as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado continuarán co intenso labor que veñen realizando con gran dedicación nos últimos meses na provincia velando polo cumprimento das restricións establecidas na loita contra a expansión do COVID-19, con operativos que se van axustando en función da evolución da normativa que dita a autoridade sanitaria.
A subdelegada tamén insistiu na necesidade de que a cidadanía atenda todas as indicacións dadas polas autoridades sanitarias e destacou a implicación de todas as forzas de seguridade, Policía Nacional, Garda Civil, Policía Autonómica e Policías Locais, ás que agradeceu o seu traballo coordinado para garantir a seguridade e a saúde dos lucenses en cumprimento da normativa sanitaria na provincia