Desa cantidade, máis de 332.000 euros enmárcanse nos convenios asinados esta semana pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, e os presidentes das federacións, un acto que estivo presidido pola conselleira do Mar, Rosa Quintana. Estes apoios teñen como obxectivo facer fronte a gastos correntes derivados do seu funcionamento, o que permite atender pagamentos relacionados coa contratación de persoal, arrendamentos ou reparacións, entre outros.
A estes acordos de colaboración súmanse outros que están en tramitación -materializaranse nos próximos meses- e dos que se benefician tamén as catro organizacións de confrarías para o desenvolvemento de accións que melloren a competitividade da actividade marítimo-pesqueira. Os 75.000 euros destinados a esta partida permiten apoiar accións como a organización de xornadas formativas e divulgativas de temas de interese para o sector e na mellora da tecnoloxía e a administración electrónica para facilitar a actividade das federacións.
Con estes apoios o Executivo galego busca afianzar a cogobernanza e a coxestión do medio mariño entre a Administración e o propio sector e poñer en valor o labor das federacións na representación e defensa dos intereses do sector marítimo-pesqueiro co obxectivo de impulsar a súa competitividade e a súa sustentabilidade. Neste sentido, a través deste tipo de colaboracións, a Consellería do Mar busca tamén recoñecer o importante traballo destas entidades no coidado dos recursos pesqueiros e marisqueiros e na defensa do futuro do sector.