Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta colabora con 14 Anpas da provincia para desenvolver accións de promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero

 Lugo, 19 de xaneiro de 2021. A Xunta de Galicia colabora con 14 Asociacións de Nais e Pais (Anpas) lucenses para desenvolver actividades de promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e rexeitamento da violencia de xénero.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que estas agrupacións resultaron beneficiarias da convocatoria de axudas de 2020 e percibirán achegas que suman 48.600 euros para poñer en marcha accións de fomento da igualdade dirixidas ao alumnado, ás familias e a toda a comunidade educativa.

Trátase dunha orde de axudas que se inscribe no Pacto de Estado contra a violencia de xénero e que na provincia de Lugo beneficia ás Anpas dos seguintes centros: CEIPs Otero Pedrayo (Rábade); Laverde Ruíz (Outeiro de Rei); Santa María (O Valadouro); Vista Alegre e Virxe do Carme (Burela); Lagostelle (Guitiriz); número 1 de Foz; CEIP de Antas de Ulla; CEIP de Quiroga, Anpa As Faias do CEIP Virxe do Corpiño (Begonte); Anpa da Ulloa (Palas de Re); EEI de Vilalba; CPI Ramón Piñeiro (A Pobra de San Xiao); e a asociación de nais e pais do IES de Alfoz-O Valadouro.

As contías concedidas van destinadas a financiar accións de formación para as familias en temas de igualdade, elaboración de materiais divulgativos que axuden a detectar situacións de violencia de xénero, organización de actividades de difusión contra a cosificación do corpo das mulleres, información sobre o uso axeitado da internet e as novas tecnoloxías, sensibilización sobre os estereotipos persistentes na sociedade ou accións para dar a coñecer as pautas de prevención da violencia de xénero e os protocolos existentes en casos de agresións.

Arias resaltou que a familia e a escola “son claves para ofrecer ás novas xeracións unha educación en igualdade e libre de prexuízos” e considerou fundamental a implicación das Anpas para avanzar nese obxectivo.

Exit mobile version