Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta colabora con 22 establecementos da provincia, 8 da Mariña, para implantar ou manter a marca Q de Calidade Turística

 Lugo, 21 de xaneiro de 2021. A Xunta de Galicia colabora con 20 establecementos e tres concellos da provincia de Lugo para implantar ou manter a marca Q de Calidade Turística do Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE).

O delegado territorial, Javier Arias, explicou que a Administración autonómica vén de resolver a última orde de axudas para ese fin, pola que se conceden achegas a dous negocios que certifican por primeira vez o distintivo -senllos establecementos de aloxamento situados en Palas de Rei e Portomarín- e ao resto para a súa renovación ou seguimento. Os apoios concedidos suman máis de 13.000 euros.

Do total dos beneficiarios, oito son da Mariña -catro de Ribadeo, dous de Viveiro, un de Burela e un de Foz-; tres da capital lucense, tres de Palas de Rei e os demais de Sober, Monforte de Lemos, Portomarín, Sarria, Vilalba, Outeiro de Rei, Quiroga e Taboada (un cada un).

Como novidade, esta convocatoria incluíu axudas para entidades locais, que se concederon ao concello de Sober -para a primeira certificación da Q de calidade-, así como aos de Foz e Viveiro, para renovación e seguimento da marca, respectivamente. No caso de Lugo capital, o delegado territorial visitou esta mañá o primeiro restaurante da cidade e o terceiro de Galicia que obtivo a Q de Calidade Turística.

Con este programa, a Xunta subvenciona as actuacións dirixidas á mellora da calidade turística mediante procesos de primeira certificación, seguimento e/ou renovación do distintivo. En concreto, financia os custes de auditoría externa e os derivados dos dereitos de uso da marca Q.

Arias lembrou que a Axencia de Turismo de Galicia xestiona diferentes programas de axudas que están a apoiar “o esforzo do sector turístico lucense por modernizarse e alcanzar os máximos estándares de calidade”.

Exit mobile version