Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta impulsa con 1,2 millóns de euros a mellora tecnolóxica de máis de 300 pemes e autónomos da provincia a través dos cheques de dixitalización

 Lugo, 17 de xaneiro de 2021. A Xunta de Galicia impulsa con 1,2 millóns de euros a modernización tecnolóxica de máis de 300 negocios de autónomos e pequenas e medianas empresas de Lugo ao abeiro do programa dos “cheques de dixitalización”, incluídos no Plan de reactivación económica posto en marcha polo Goberno galego para paliar as consecuencias da pandemia.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que os cheques de dixitalización benefician en concreto a 308 empresas da provincia, que reciben axudas por un volumen global de 1.259.550 euros, o 80% do investimento declarado polos interesados.

Neste sentido, Arias destacou a aposta pola transformación dixital do empresariado lucense, introducindo ferramentas que permiten complementar a venda física e en liña e optimizar a xestión dos negocios co fin de reforzar a súa competitividade no actual contexto económico.

O 50% dos destinatarios destas achegas pertencen aos sectores da hostalería e o comercio, pero tamén destacan outras empresas de servizos, como academias de formación, transporte, talleres mecánicos ou salóns de peiteados. Igualmente, figuran unha decena de asociacións empresariais da provincia.

O concello da capital asume máis da terceira parte dos apoios, cun total de 118 que suman axudas por 535.600 euros para un investimento mobilizado de 669.500 euros. A continuación sitúase o concello de Sarria, con 20 beneficiarios e 64.600 euros en apoios para un investimento total de 80.800 euros.

Así mesmo, rexistran máis de dez negocios na lista de beneficiarios os municipios de Monforte de Lemos (16 axudas por valor conxunto de 61.770 euros); Ribadeo e Vilalba (con 14 cada un e axudas que rondan os 47.000 euros); Viveiro (12 axudas e 47.000 euros), e Foz (11 apoios e 41.000 euros). Burela conta con dez beneficiarios que reciben en total 58.500 euros.

O delegado lembrou que este programa da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación -cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional- achega axudas do 80% dos investimentos realizados en proxectos que teñan como obxecto a implementación de tecnoloxías dixitais para a adaptación á situación provocada pola covid-19, como o teletraballo, as solucións de conectividade no eido rural, ou sistemas de notificación e de control sanitario e aforo, entre outros. Os gastos realizados deberán ser dun mínimo de 1500 euros e un máximo de 12.000 euros.

Novas axudas activadas para apoiar os sectores máis vulnerables
A Vicepresidencia segunda mantén activas novas medidas destinadas a apoiar aos colectivos e sectores máis prexudicados pola pandemia. Nese sentido, lembrou que o programa de axudas que xestiona o Igape dirixido aos establecementos hostaleiros e de restauración achegará tres millóns de euros en apoios directos para permitir adecuar os espazos exteriores e adquirir elementos de envasado de comida e bebida para a entrega a domicilio ou a recollida no local. Poden solicitalas autónomos e pemes de menos de 50 traballadores e cubrirán o 80% do investimento, sendo a axuda mínima de 1200 euros e máxima de 20.000. Inclúen ademais a achega de anticipos no momento da resolución favorable pola metade da contía da axuda.

Exit mobile version