O vicepresidente económico incidiu en que os resultados dos informes técnicos elaborados polo Xunta –a través do Inega– e o Ministerio para a Transición Ecolóxica –a través do Idae– corroboran que o uso de biocombustibles nestas instalacións é viable desde o punto de vista técnico e medioambiental. Isto demostra que hai alternativas e que a solución industrial é posible. Por iso, a Xunta ratificou o seu non rotundo ao peche da central e mantense ao carón dos traballadores da central térmica, a industria auxiliar e os transportistas, defendendo os seus empregos.
Conde lamentou a decisión unilateral de Endesa en vez de traballar pola viabilidade da planta a longo prazo, o que garantiría o futuro desta comarca. Neste sentido, lembrou que a compañía ten un compromiso que cumprir: debe seguir pensando no futuro das Pontes tras coñecerse as conclusións do comité técnico.
En paralelo, o vicepresidente económico da Xunta de Galicia solicitou ao Goberno unha folla de ruta clara e definida, e planificación para afrontar unha transición enerxética con garantías que non supoña un desmantelamento da industria e non deixe sen alternativas comarcas enteiras como a de Ferrolterra; unha transición xusta e ordenada que permita o mantemento da actividade industrial e dos empregos.