Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta xa pagou máis do 92% das axudas aos 713 negocios de hostalaría da provincia que se acolleron ao plan de rescate autonómico

 Lugo, 15 de xaneiro de 2021. A Xunta de Galicia xa pagou o 92,4% das axudas aos 713 negocios de hostalaría da provincia lucense que se acolleron ao plan de rescate para persoas traballadoras autónomas, microempresas e establecementos hostaleiros pechados polas restricións sanitarias, posto en marcha polo Goberno Galego. Así o puxo de manifesto o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, quen chamou a atención sobre o compromiso da Xunta para atender estas solicitudes, dedicando 2 millóns de euros, en resposta a esas 713 peticións aceptadas, dun total de 771 presentadas en toda a provincia lucense.

Arias Fouz destacou que a porcentaxe dos pagos realizados aínda mellora algo máis en Lugo, xa que foron abonadas o 93% das axudas económicas, nun concello ao que se destinarán 1,1 millóns de euros. Esta partida dedicarase a atender as peticións dos 428 establecementos hostaleiros, e que supoñen o 60,3% de todos os negocios do sector que funcionan na cidade.

Os 713 negocios hostaleiros da provincia acolléronse ao Plan de Rescate posto en marcha pola Xunta, que permitiu a máis de 14.700 hostaleiros galegos recibir un apoio económico que suporá un importe total de 23,7 millóns de euros. Proba da receptividade do sector a este plan de rescate, que contemplaba tres liñas de axudas á hostalaría, autónomos e microempresas, é que o 70 por cento dos hostaleiros galegos tiveron acceso ao mesmo.

Este plan permitiu ademais que unha alta porcentaxe dos negocios afectados pola crise económica e as restricións sanitarias provocadas pola COVID-19 puideran beneficiarse de varias liñas de axudas. A contía mínima percibida para un mes de peche foi de 1.500 euros, mentres que a máxima alcanzou os 8.500 euros.

Segundo Plan de Rescate e Fondo de Cooperación para Hostalaría
Ante as recentes restricións acordadas polo comité clínico e os novos peches aos que terá que facer fronte o sector, a Xunta de Galicia xa está a traballar en futuras liñas de axudas e apoios directos á hostalaría. Sen dilación, e en coordinación co sector hostaleiro e cos representantes do diálogo social, porase en marcha un segundo plan de rescate que permita ás actividades máis afectadas polas restricións sanitarias recibir liquidez cara a manter o emprego nos próximos meses.

Ademáis, os representantes provinciais da hostalaría e o Goberno galego veñen de propoñer, por outra banda, un fondo de cooperación Covid-19, no que estean implicados deputacións e concellos, co obxectivo de evitar o peche das empresas e autónomos do sector.

Seguindo a liña adoptada por outras comunidades autónomas, este novo fondo integraríase ao 50% con achegas da Administración autonómica, ao 30% das deputacións e o 20% dos concellos.

O delegado territorial da Xunta en Lugo fixo fincapé na necesidade de implicar a todos os sectores e administracións neste proxecto, apelando máis que nunca a actuar con altura de miras, máis aló de cores políticas ou debates estériles sobre competencias.

Exit mobile version