Site icon Crónica3.com A Mariña

ABANCA, Afundación e o Concello de Xove presentan a mostra «Nós tamén fomos emigrantes»

 Xove, 15 de xaneiro, 2021. O Concello de Xove, ABANCA e Afundación presentan a exposición «Nós tamén fomos emigrantes. Fotografías da Axencia EFE sobre a emigración española no século XX». O acto de apertura tivo lugar esta mañá na Sala de Exposicións do Centro Cívico de Xove, e contou coa asistencia do alcalde, Demetrio Salgueiro; a concelleira de Cultura, María Dolores Meitín Guerreiro; Óscar Rodríguez, responsable de Banca Institucional Lugo ABANCA e Beatriz Fernández-Anguiano, coordinadora institucional de Afundación para Lugo e Ourense. A exposición permanecerá aberta ao público ata o vindeiro 14 de febreiro, en horario de luns a venres de 18.00 a 20.00 h.
Esta colaboración é parte do proxecto «Corrente cultural», que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás localidades galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.
A exposición consiste nunha selección de corenta fotografías da emigración, tanto española como galega, procedentes dos arquivos da Axencia EFE. O obxectivo é o de tratar de achegarnos a esa realidade histórica a través dunha síntese fotográfica das migracións mediante a mirada profesional e humana dos fotoxornalistas da época. É a historia de «millóns de españois que tiveron que abandonar a súa terra para sobrevivir», en palabras de Miguel Ángel Gozalo, director da Axencia EFE entre 1996 e 2004.

Exit mobile version