Site icon Crónica3.com A Mariña

Alcaldes do PP alzan a súa voz e piden que sexa a Xunta a que xestione as axudas da hostalería

 Lugo, 29 de xaneiro de 2021. Alcaldes do Partido Popular como o de Cervo e tamén vicepresidente da FEGAMP, Alfonso Villares; Sober, Luis Fernández Quitián; Folgoso do Courel, Lola Castro; Triacastela, Olga Iglesias; e Chantada, Manuel Lorenzo; alzan a súa voz e piden que sexa a propia Xunta de Galicia a que xestione as axudas do segundo Plan de rescate do sector hostaleiro. Os populares defenden así que o Goberno galego é a mellor administración que se pode encargar dos trámites, pois é a que dispón do maior número de medios e tamén de máis fondos económicos.

Este iniciativa para paliar os efectos da crise da covid-19 incorpora 75 millóns do Executivo galego e outros 5,5 millóns as Deputacións, á espera de concretarse a participación dos Concellos, pero existe unha cerrazón clara por parte dalgunha institución provincial como a lucense no que se refire ao importe e á xestión.

Os rexedores municipais coinciden en destacar que “estamos no tempo de desconto”. “Son moitos os empresarios os afectados e queren, canto antes, axilidade e respostas uxentes. Sen lugar a dúbidas, manifestan, a Xunta de Galicia é a que ten a maior capacidade para elo”.

Así o demostrou, aseguran, na tramitación do primeiro Plan. Máis de 1.400 hostaleiros da provincia xa percibiron preto de 4,3 millóns de euros, no marco dalgunha das tres axudas contempladas no primeiro plan que puxo en marcha o Executivo de Feijóo. Dos 4.297.450 euros dedicados a responder ás solicitudes de toda a provincia, na capital investíronse 1.717.900 euros. Outros hostaleiros de concellos lucenses moi castigados pola pandemia, peches e restricións tamén obtiveron importantes prestacións. É o caso de Monforte de Lemos, con unha partida de máis de 366.000 euros repartida entre 209 axudas; Viveiro, cunha cantidade de 320.000 euros para responder ás 170 solicitudes; Sarria, con 78 axudas ás que se destinaron preto de 200.000 euros; e Vilalba, concello no que 154 beneficiarios percibiron algo máis de 267.000 euros para facer fronte ás pérdidas pola crise saniaria.

Postura individual dos alcaldes
O vicepresidente da FEGAMP e alcalde de Cervo indica que “é unha boa e necesaria medida para o sector turístico e hostaleiro, que o está a pasar mal. A urxencia é máxima, por iso debemos buscar unha xestión áxil para que cheguen as axudas canto antes. Ao asumir este cometido a Xunta, libéranos ás entidades locais de contraer unha carga extra de traballo, que é precisamente do que nos queixamos moitas veces. Correr nós con este traballo suporía un incremento de volume inasumible e repercutiría no beneficiario”.

En canto á cantidade a aportar, Alfonso Villares manifesta que as Deputacións teñen un cometido fundamental neste asunto, ao seren a Casa do Concellos e teren a súa principal razón de ser en ser o soporte para os municipios máis pequenos. “Dado que non se lles coñece outra competencia, deberían incrementar as súas achegas a este fondo común para axudar, precisamente, aos Concellos con menor capacidade”, defende.

O titular de Sober, Luis Fernández Quitián, manifesta que, “nestes momentos tan complicados, o que necesita o sector é axilidade na resolución de problemas. Por tanto, se o primeiro rescate funcionou ben parece absolutamente lóxico que a Xunta volva a ser quen xestiona estas axudas porque é que aporta con diferencia a maior cantidade e demostrou capacidade e medios no anterior plan”.

Lola Castro, alcaldesa de Folgoso do Courel engade: “vexo inviable que queiran cargar aos Concellos coa tarefa de xestión do reparto dos fondos do Plan de rescate porque non temos medios suficientes. O mellor e que o faga a propia Xunta. Xa o fixo unha vez e, posto que é quen aporta a maioría das axudas, o lóxico é que ela xestione todo”.

A rexedora de Triacastela, Olga Iglesias, afirma con rotundidade que é a Xunta a que ten que xestionar este segundo fondo de rescate. “Xa fixo o primerio e é a única que ten a implantanción en todo o territorio e ten demostrado axilidade no pagamento de todo tipo de axudas, nas de rescate e de emerxencia, nas de produtores de vacún de carne, etc. Non creo, por tanto, nin que debamos de plantexarnos quen o ten que facer”, conclúe.

O chantadino, Manuel Lorenzo Varela, pon en valor que sexa o Goberno autonómico o que lidere este fondo, xa que “é a que máis recursos económicos pon de todas as administracións -Xunta, Deputación e Concellos-. Que non nos veñan con máis traballos que non somos capaces de facer. Ademais, explica, estas axudas deben ir encauzadas a que sexan un fondo común e non a que haxa tres fondos distintos”.

Exit mobile version