Site icon Crónica3.com A Mariña

Alfonso Villares, Alcalde de Cervo e vicepresidente 1º da Fegamp, “as axudas, veñan da administración que veñan, son cartos públicos polo que o importante é buscar a fórmula máis operativa”

 Cervo, 29 de xaneiro, 2021. No seo da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), non todos os integrantes opinamos o mesmo en relación á xestión do fondo común de rescate que se está a artellar entre as diferentes administracións –Xunta, Deputacións e Concellos-. Sen dúbida é unha boa e necesaria nova para o sector turístico, hostaleiro e para todas aquelas persoas autónomas que o están a pasar realmente mal con esta crise sanitaria, que está a danar fondamente o seu medio de vida.
A urxencia é máxima para moitas persoas que están a sufrir as consecuencias das pandemia, por iso debemos articular mecanismos de xestión áxiles para que esas axudas cheguen canto antes ao seu destinatario.
Non debemos esquecernos de que veñan da administración que veñan, son cartos públicos, ao servizo do cidadán, polo que agora o importante é buscar “a fórmula máis operativa, xusta e equitativa para a súa xestión; e si a Xunta de Galicia se ofrece a facelo, penso que é o óptimo pensando sempre na persoa beneficiaria; porque un sistema autonómico único é fundamental para harmonizar os trámites, os tempos…en definitiva, para uniformar a xestión do fondo común en beneficio das persoas destinatarias”.
Creo ademais, que ao asumir esta xestión, “a Xunta de Galicia liberaría ás Administracións locais de contraer unha gran carga extra de traballo, cuestión da que continuamente nos estamos queixando desde os Concellos con abondas obrigas e competencias no día a día”, e a xestión destas axudas suporía un incremento de volume de traballo inasumible; que repercutiría tamén na persoa beneficiaria.
En canto á cantidade a aportar desde cada administración; todos sabemos que as Deputacións provinciais teñen un cometido fundamental e único que é o de axudar aos municipios de menos de 20.000 habitantes. É o Concello dos Concellos, e nútrese dos fondos que proceden das Administracións locais; e tendo en conta que non se lle coñece outra competencia que a de estar ao carón dos municipios pequenos “debería incrementar esa axuda para protexer aos concellos con menor capacidade económica para poder aportar a ese fondo común”.

Exit mobile version