Site icon Crónica3.com A Mariña

Alfredo Llano subliña que é preciso contrarrestar canto antes a cadea de contaxios en Burela, que estrea novas restricións a partires do xoves

 Burela, 19 de xaneiro de 2021. O alcalde, Alfredo Llano, subliña que é preciso contrarrestar canto antes a cadea de contaxios en Burela, que estrea novas restricións a partires do vindeiro xoves.
O rexedor dixo que “volvemos estar perimetrados a partir da noite do mércores ao xoves. Desde o Concello de Burela o que pretendemos é contrarrestar inmediatamente a cadea de contaxios porque hai que intentar que non siga subindo. Hai xa algún problema no hospital derivado da intensidade dos contaxios que está habendo na Mariña”.
Llano explicou que “nosoutros agora temos entre 47 e 50 contaxios e a ver se a partir de agora empezan a baixar. Imos intentalo entre todos, entendendo que este é un problema colectivo, que nos afecta a todos. Por tanto debemos estar todos interesados en colaborar con responsabilidade para acabar o antes posible con este novo rebrote”.
O alcalde contou que “xa tivemos onte unha reunión coa directora do hospital e cos servizos de seguridade, como Garda Civil, Policía Local e Protección Civil. Estivemos mirando como atender a grande afluencia de coches que veñen ao hospital, tanto pola mañá como pola tarde, para facer os PCRs. Estes días estanse facendo moitas destas probas, o que é normal porque hai que buscar a maneira de parar os contaxios. Estivemos mirando como facer para mellorar a fluidez dos vehículos e a seguridade da xente que vai facer os PCRs. E tamén estivemos analizando a situación da comarca, e de Burela concretamente”.
Alfredo Llano manifestou que “vamos facer como outras veces porque non nos colle de sorpresa isto. E faremos as reunións que fagan falta entre as autoridades sanitarias, os servizos de seguridade e o Concello. Xa temos activo un sistema de voluntariado porque pode necesitarse que o Concello leve medicinas, alimentación ou incluso recoller o lixo a certas vivendas. Vamos estar atentos a esta nova situación e coordinarnos e cooperar entre todos para que isto sexa o máis leve posible e rematemos canto antes”.
O rexedor engadiu que “Burela xa é a cuarta vez que inicia unha limitación perimetral de mobilidade e esperemos que dea resultado o antes posible para recuperar polo menos unha situación que nos leve a chegar a equilibrar a seguridade sanitaria coa actividade socioeconómica. Temos que buscar unha fórmula para que isto sexa así, pero para iso todos debemos ser conscientes da problemática que nos afecta de forma colectiva”.

Exit mobile version