Segundo explica o parlamentario popular desde a administración autonómica se está a traballar para avanzar nas actuacións comprometidas pero lamenta que este ritmo estea a verse condicionado por cuestións alleas á propia administración autonómica, como por exemplo o tempo na resolución dos informes oportunos por parte doutros organismos e administracións implicadas, neste caso en concreto o departamento de Costas do Estado.
A Xunta comprometida: Dispón dunha partida orzamentaria concreta
Con todo Balseiro recorda que os orzamentos da Xunta para 2021 -que hoxe se publican- recollen unha partida orzamentaria concreta, de inmediata execución, na que se destinan 369.000 euros para finalizar a redacción do proxecto técnico da nova depuradora e resto de obras hidráulicas pendentes.
A Xunta está a colaborar co Concello de Burela na mellora do seu sistema de depuración para que o concello poida dispoñer dunha depuradora adaptada ao cumprimento da Directiva 91/271/CEE, sobre tratamento das augas residuais. Ao longo dos últimos anos o proxecto sufriu variacións relevantes, por exemplo, a que implicou o cambio de emprazamento da futura depuradora.
Saneamento e abastecemento: competencias municipais apoiadas só pola Xunta de Galicia
O deputado popular aclara que, a pesar de que a normativa vixente en materia de réxime local establece, sen espazo para a dúbida, que os concellos teñen a competencia exclusiva en materia de abastecemento e saneamento e a pesar tamén de que conforme a esta mesma normativa as deputacións provinciais teñen entre as súas obrigas prestar apoio ás entidades municipais nas súas competencias, está a ser fundamentalmente a Xunta de Galicia quen vén prestando apoio aos concellos nesa materia, axudándoos técnica e financeiramente a desenvolver de xeito máis eficaz e eficiente estas competencias.
Desde o PP insisten na necesidade de que todas as administracións adquiran un compromiso firme, como ten feito a Xunta, para que estas obras poidan saír adiante.