Site icon Crónica3.com A Mariña

Cadernos da viaxe. Aprendermos do de Trump. “…O say, does that star-spangled banner yet wave… over the land of the free and the home of the brave”, por Xoán Antón Pérez Lema

Pouco máis de 30 anos despois da Independencia dos USA , o poeta-e avogado- Francis Scott Key (1814) escrebiu estes versos no decurso da batalla da baía de Baltimore (Maryland), cando os norteamericanos loitaron contra os británicos a súa segunda guerra da Independencia. Hoxe poñen o cabo ao hino dos USA.

Segue a pendurar a bandeira USA das estrelas cintilantes sobre a terra das persoas libres e sobre dos fogares das persoas afoutadas? O presidente Trump, neto de inmigrantes alemáns, esqueceu as orixes comúns da grande maioría da poboación americana para definir nestes longos cinco anos unha mensaxe supremacista : racista e sexista, para construir unha minoría social potente e hexemonizante, como as que monopolizaron políticamente a Alemania nazi entre 1933 e 1945 ou a Italia fascista entre 1922 e 1945.

Nas eleccións deste novembro de 2020, Trump quitou 74 millóns de votos fronte aos 78 de Biden. Foi, xa que logo, o segundo candidato presidencial máis votado da historia política dos USA. Hai só dous meses esta axenda criminal e fascista amosaba ter o apoio dunha parte importante da cidadanía USA. Desenvolveron baixo as ordes do presidente Trump unha teimuda guerra legal que chegou até o pasado 6 de xaneiro, cando as dúas Cámaras Federais (House of Representatives e o Senado) ratificaron a elección presidencial de Biden.

Mais Trump fracasou nos seus tentamentos de mesturar ferramentas xudiciais, parlamentarias e abertamente golpistas para impedir a proclamación presidencial de Biden. E, mentres, contribiuiu a que o seu partido republicano perdera a maioría no Senado, ao liscar por incomparecencia a respecto dos seus dous candidatos polo estado de Georgia. Incríbel… O grande estado da Coca-Cola, a CNN, as Olimpiadas de 1996, B-52 e REM, de sempre conservador, garantindo un amplo ciclo progresista ( coa maioría no Senado, canda a Presidencia de Biden e a previa maioría da Cámara Baixa).

Trump non soubo administrar a súa potentísima forza electoral e política. Porque teimou en tentar resolver os seus problemas baixo a fórmula de aquí e agora. Moi probábelmente porque coñece moitos dados que sabe lle impedirán tentar volver á candidatura presidencial ou a calquer labor político. Velaí como segueu camiñar o ronsel de Hitler e Mussolini…despois miña ha vir o caos.

Trump deixa un partido republicano desfeito, tamén o amplo sector que defende prantexamentos supremacistas e antidemocráticos. Mais este sector, avaliábel en termos de entre 25 e 35 millóns de americanos (a meirande parte armados) seguerá a existir o 20-X, cando asuma a presidencia Biden e mesmo despois. Sen dúbida, o afundimento de Trump será un grande fracaso para eles. Mais, se a sociedade civil, os medios de comunicación e os sectores políticos demócratas non reaxen, axiña han atopar outro líder que poderá chegar facer invisíbel, no medio do fume dos milleiros de lumes, a bandeira das estrelas cintilantes.

Exit mobile version