Site icon Crónica3.com A Mariña

“Dicían que a pandemia ía sacar o mellor de nos…”, por Marta Rodríguez Engroba

Se tivera que definir cal é o meu estado de ánimo nestes días debo de admitir que a cualificativo mais adoitado sería furiosa.
Así, como soa, furiosa. Furiosa ante tanta hipocresía, ante tanto oportunismo, ante tantos intereses, desta sociedade que construímos entre todos e que non se paran ante nada, nin siquera ante a dor e a miseria que está a golpear a tantas persoas.

Ainda lembro como dicían moitos que a pandemia ía sacar o mellor de nos….
Non quero nin imaxinar como será cando saque o peor, porque o egoísmo, a falta de humanidade, de civismo, nunca estiveron mais presentes.

E, como exemplo, vou falar das últimas causas que, como está a suceder desde hai xa tempo, se puxeron de moda vía redes sociais e a golpe de “likes”, porque non hai causas nin lacras que pague a pena defender ou apoiar se non se pode facer desde o sofá cun sinxelo click.

Asistín, nos últimos días, entre o asombro e a carraxe ao lamentable espectáculo de ver como tivo que chegar unha pandemia primeiro e unha onda de frío polar despois para que, de súpeto, a maioría da xente reparase en dous grandes problemas que nos asolan desde hai moito tempo, pero do que semella que case ninguén se decata:
O número intolerable de xente que non ten un fogar no que refuxiarse, e a pobreza enerxética, que aboca a moitos fogares a escuridade e a que os seus moradores fiquen neles aterecidos de frío, provocando isto, en moitos casos, graves problemas de saúde para eles.

O incremento das tarifas eléctricas en plena onda de frío foi a excusa perfecta para que moitos “solidarios”, aos que todo isto lles importa un bledo, emprenderan a súa particular campaña política culpando ao actual goberno desta subida, esquecendo, polo visto, que a pobreza enerxética é unha pandemia mais que convive con nos no noso país desde hai nin se sabe cantos tempo e a que ninguén prestou nin a mais mínima atención ata agora, independentemente da cor do goberno que estivera no poder durante istos anos.

Recordei con carraxe a falta de apoio ningún, o silencio sepulcral con que se respondeu aos diferentes chamamentos que desde Si, hai saída, o colectivo de axuda a vítimas de violencia de xénero do que formo parte, lanzamos cando comezou o estado de alarma e fixemos público os contactos que estábamos e que ainda estamos a ter co goberno tentando impedir os cortes de suministros as familias e persoas vulnerables, e na insistencia coa que pregamos que se reanudara este veto cando a finais do mes de Setembro foi levantado.

Pero, curiosamente, os mesmos que, aparentemente, antes non se decataban da gravidade deste problema, agora se rachan as vestiduras, clamando xustiza pola subida das tarifas eléctricas tentando levar a auga para o seu rego político e lanzando toda clase de improperios contra cantos non bailan ao seu son.
Sinxelamente indecente.

Outro tanto se pode dicir en canto as persoas sen fogar., un descubrimento tamén, polo que se ve, para moitos “solidarios”, e, como non podería ser menos, un fantástico titular amarelista para certos medios.

É noxento, ademais de inhumano, ver como, hai unhos días, unha xornalista, nun telexornal, sen amosar nin a mais mínima consideración, introducía o micrófono entre os cartóns cos que tentaba abrigarse unha persoa que estaba a durmir na rúa, preguntándolle unha e outra vez, ante a falta de resposta, “ É duro estar en noites coma a de hoxe na rúa?”.

Teño que admitir que sacou o peor de min, e que eu, soa, na miña casa, non puiden evitar que me saíse un cualificativo ante esa reporteira que, seguramente estaría a facer o que lle mandaban, pero que estaba a denigrar e a insultar coa súa pregunta, carente de toda sensibilidade, a quen bastante ten con loitar coa súa miseria.
Escoiteime dicir a min mesma, “Non, que vai ser duro!. De feito teño unha casa estupenda, confortable e ben quentiña, pero como non quero que me saian enrugas,preferín dormir ao raso, ainda correndo o risco de conxelarme”.

Esta é a nosa sociedade. Humana, solidaria, empática, e da que a pandemia sacou, seica, o mellor dela.
Que mágoa e que vergoña tan grandes!.

Marta Rodríguez Engroba
Asociación Si, hai saída

Exit mobile version