Site icon Crónica3.com A Mariña

Este xoves estase procedendo á vacinación de tódolos usuarios e traballadores da residencia de maiores de Foz

 Foz, 07 de xaneiro de 2021. O Concello de Foz informa que hoxe, 7 de xaneiro, estase procedendo á administración da primeira dose da vacina do COVID-19 a tódolos usuarios e traballadores da residencia de maiores focense.
O alcalde, Fran Cajoto, declara que “a vacinación dos maiores da residencia constitúe un gran alivio para todos: é un colectivo de gran risco, por idade e por patoloxías de cada un, e constituíu desde o inicio unha das grandes preocupacións na pandemia. Foron meses difíciles, en distintas ocasións os residentes tiveron que ser confinados nas súas habitacións, con todas as incomodidades que isto supón. Neste sentido quero agradecer o esforzo feito por todos os traballadores da residencia: non é fácil soportar unha situación de tensión durante tantos meses”.
O rexedor municipal engade que “é unha moi boa noticia e quero agradecer tamén o esforzo que están a facer os sanitarios e a xerencia do distrito sanitario”. Pero o alcalde destaca que “non saímos nin moito menos da crise sanitaria: podemos ter un rebrote forte en calquera momento. Só hai que ver os datos preocupantes de contaxiados que nos chegan doutros concellos veciños para saber que a situación agora quizais é máis difícil ca nunca, de aí a importancia da vacina. Pido a máxima das responsabilidades, que se eviten aglomeracións, que nos esquezamos de festas particulares ou de xuntanzas. Un mal comportamento duns poucos pode derivar en problemas de saúde e nunha crise económica moi forte aos nosos veciños. Teñamos sentidiño, é máis necesario ca nunca”.

Exit mobile version