Site icon Crónica3.com A Mariña

Máis de 800 sinaturas apoian o Manifesto ‘Así, NON!’ que cuestiona o proxecto de reforma da praza da Catedral de Mondoñedo

 Mondoñedo, 20 de xaneiro, 2021. As persoas impulsoras do Manifesto ‘Así, NON!’ sobre o proxecto de reforma da Praza da Catedral de Mondoñedo emiten o seguinte comunicado:

1º-Tras rexistrar no Concello de Mondoñedo o pasado 8 de xaneiro, en período de alegacións, o Manifesto ‘Así, NON!’ —feito público o 30 de decembro de 2020— e ao non recibir ningunha resposta ao mesmo lembran que no citado documento se detallan unha serie de motivos polos que veciñas e veciños, residentes ou non, do concello de Mondoñedo se opoñen ao proxecto de reforma da Praza da Catedral de Mondoñedo.

No Manifesto ( https://www.change.org/p/concello-de-mondo%C3%B1edo-praza-da-catedral-de-mondo%C3%B1edo ) solicítanse do goberno municipal aclaracións sobre a necesidade e oportunidade dunha obra que pode alterar de maneira dificilmente reparable un ben patrimonial sensible, proponse a reconsideración do proxecto desde os inicios e, no hipotético caso de considerarse necesaria a intervención, esíxese que esta sexa sometida inescusablemente ao parecer da cidadanía e que debe contar cos consensos e as máximas garantías democráticas.

2º-Tras recibir nas plataformas e lugares habilitados a tal fin ata esta data máis de 800 sinaturas de apoio procedentes de Mondoñedo e doutros moitos lugares, e recepcionar numerosas opinións, incluídos as de profesionais de diversos ramos, temos a percepción de que existe unha maioría social que considera que se trata dunha obra prescindible e non urxente en comparación con outras prioridades. Unha intervención, en todo caso, innecesaria para resolver os problemas que se alegan na memoria do proxecto como accesibilidade, saneamento, repavimentación, mellora de iluminación e paseo, e para a que con toda probabilidade, segundo técnicos consultados, sexa totalmente insuficiente o orzamento previsto, incluída a partida achegada polo Ministerio de Transportes, co consecuente compromiso dos fondos municipais, algo especialmente preocupante en situacións de crise como a actual.

3º Comunican que veñen de solicitar vía rexistro municipal, dado o avanzado estado dos trámites do proxecto, a falta de resposta ás nosas alegacións e a carencia de calquera outro tipo de información sobre o mesmo, unha entrevista urxente cos responsables do goberno municipal de Mondoñedo co ánimo de trasladarlles a nosa inquietude polo alto risco de deterioro irremisible que afecta á fisionomía dun lugar tan emblemático para todos e todas as mindonienses.

Exit mobile version