Site icon Crónica3.com A Mariña

Máxima preocupación na frota de palangre de superficie de OPP Lugo ante a caída do comercio e a baixada de prezos

 Burela, 15 de xaneiro de 2021. A situación da frota de Palangre de Superficie está en ALERTA VERMELLA. Así o consideran tras realizar un primeiro balance do ano 2020, como consecuencia dos principais impactos do COVID no mercado e os prezos, pero tamén cos problemas burocráticos xurdidos entre diferentes departamentos da Administración Central co marraxo.

O primeiro problema xurdido co COVID-19 foi un peche practicamente total do comercio internacional e da canle Horeca, motivo polo que se resentiron especialmente as súas contas de explotación ao reducirse drasticamente as súas vendas.

Varios son os problemas analizados e que provocaron un gran impacto nas súas dúas especies principais: a caella e o peixe espada. Durante meses unha porcentaxe aproximada ao 50% das súas capturas mantívose sen poder vender e por tanto, xerar vendas, mentres o outro 50% era vendido a prezos irrisorios. Mentres tanto, os frigoríficos cheos de mercadoría, xeraron ás empresas uns maiores custos de almacenamento.

A isto hai que sumar tamén unha caída importante nos prezos medios destas especies. Segundo datos dun balance previo do exercicio, os prezos medios de caella sufriron un 28,68% de caída respecto ao 2019 e un 22,30% respecto ao 2018. No peixe espada, a caída respecto ao 2019 foi dun 11,61% e dun 16,70% respecto ao 2018.

Desde novembro 2019 a terceira especie en importancia (marraxo dientuso) está incluído no anexo II de CITES, o que complicou de forma importante o seu comercio internacional. Os armadores non entenden como xorden estes problemas entre departamentos dun mesmo goberno, e así, mentres se cumpren as normas pesqueiras de ICCAT e do Ministerio de Pesca, existe un bloqueo desde Transición Ecolóxica ao comercio de marraxo do At. Norte desde o mes de xullo, que non dispón de certificados que permitan a súa comercialización.

Os armadores quéixanse de que non se tiveron en conta os seus esforzos na sustentabilidade, como o FIP, levar observadores a bordo para recompilar datos científicos, ou participar en diversas medidas técnicas de mitigación. Non se tiveron en conta tampouco que todas estas decisións de CITES tomáronse logo dunha avaliación defectuosa e falta de datos en 2017 en ICCAT, o que prexudicou á cumpridora frota europea e que deixa liberdade a outros países competidores, sobre todo asiáticos, que seguen fornecendo ao mercado.

As perspectivas para 2021 son aínda peores. Agora MITERD é autoridade científica e asume tamén a emisión dos certificados de comercio. De momento non se desbloqueou o capturado en 2020 e aínda sen comercializar, pero tampouco se informaron das directrices para seguir este ano. Por todo isto, decidiron estudar diversas alternativas como accións xudiciais que analizarán nos próximos días, buscando a defensa patrimonial e a viabilidade das súas empresas, así como unha aclaración de quen asume as competencias pesqueiras dentro dun mesmo goberno, esixindo normas claras e sinxelas para todos.

Exit mobile version