Site icon Crónica3.com A Mariña

Na xuntanza mantida este luns en Ribadeo entre Concello e Correos, acordouse prorrogar a todo este semestre o período de coexistencia das posibles novas e vellas numeracións

 Ribadeo, 25 de xaneiro de 2021. Desde hai varios anos estas dúas entidades están traballando conxuntamente para tentar resolver problemáticas derivadas da identificación de enderezos postais, tanto nas parroquias como na Vila. Así fóronse nominando diferentes viarios municipais que carecían de nome, ou que o que tiñan non correspondía cun ámbito ben definido.
Tamén hai tres anos, iniciouse unha renumeración global de todo o Concello, pois hai que ter en conta que Ribadeo é un Concello con forte desenvolvemento urbanístico nos últimos decenios polo que se foron amoreando duplicidades, erros, etc. Para isto, desde o Concello encargouse un custoso proxecto de renumeración que tivese en conta incluso os futuros solares para poder definir nitidamente, tanto agora coma no futuro, a numeración de todas as vivendas do termo municipal.
Hoxe tivo lugar unha xuntanza cordial entre ambas as dúas partes, para avaliar as melloras feitas, ao tempo que tamén para ver as problemáticas que aínda seguen a existir en canto ao reparto da correspondencia polo Servizo de Correos. A fin de mellorar e dar o mellor servizo posible no reparto da mesma acordouse:
Nos vindeiros días iniciarase un buzoneo masivo por todas e cada unha das vivendas do Concello dun escrito conxunto entre o Servizo de Correos e mais o Concello de Ribadeo, no que se indicará a numeración que a cada vivenda lle corresponde (co nome da rúa, a numeración da vivenda, etc.).

Acórdase prorrogar a todo este primeiro semestre de 2021 o período transitorio de coexistencia das posibles novas e vellas numeracións. Tense en conta para isto a complexa situación da pandemia na que vivimos e que moitas veces dificulta ir facendo os trámites necesarios para o correcto cambio dos datos nos diferentes empresas e organismos (compañías eléctricas, de telefonía, bancos, organismos oficiais, etc.).

Farase un seguimento mensual por parte das dúas entidades para ir avaliando o cumprimento destes obxectivos.
E reiterase ademais, que as posibles dúbidas sempre se poden plantexar ben na Oficina de reparto de Correos ou ben nas Oficinas do Concello de Ribadeo, tal e como veu acontecendo en todo este tempo.

Exit mobile version