Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG reclama a ampliación do persoal do sistema sanitaria para afrontar a nova vaga de contaxios e o plan de vacinación

 Lugo, 22 de xaneiro de 2021. O voceiro do BNG Efrén Castro adiantou que o grupo nacionalista presentará no vindeiro pleno provincial, o martes 26 de xaneiro, unha moción que insta á Xunta de Galiza a reforzar o sistema sanitario público para responder ás necesidades derivadas do empeoramento da situación epidemiolóxica e avanzar na vacinación da poboación.

O BNG solicita “a ampliación do persoal tanto nos centros hospitalarios como de atención primaria, a fin de que a coincidencia da nova vaga de contaxios, con peores indicadores que a primeira segundo recoñeceu o propio goberno, e a campaña de vacinación non colapsen os servizos sanitarios”

A moción tamén demanda “a presentación no Parlamento galego dun plan de vacinación detallado e transparente para abordar con garantías un dos maiores retos que ten que atender o Sergas, como é o de vacinar a toda a poboación no menor prazo posíbel”.

“A velocidade do novo repunte de contaxios está xerando inquedanza e preocupación, tanto na poboación como nas profesionais sanitarias, especialmente da Atención Primaria que se mantén asfixiada ao ter que abarcar toda a atención das patoloxías ordinarias, detección de novos casos, petición de PCRs, seguimento dos doentes positivos nos seus domicilios, e afrontar a campaña de vacinación sen que se coñeza cal é previsión de reforzo de profesionais”, indicou o voceiro nacionalista.

O BNG tamén presentará xunto ao PsdG, como proposta de goberno, unha moción que demanda á Xunta de Galiza a creación dun fondo Covid extraordinario para as entidades locais e liñas de axuda específicas para os sectores máis afectados pola situación sanitaria.

Efrén Castro explicou que “a moción recolle a posición que o BNG puxo sobre a mesa hai semanas, pedindo que os decretos de restricións sanitarias inclúan no propio texto liñas de axudas e mecanismos áxiles para facelas chegar ás persoas beneficiarias. Tamén se propón a creación dunha mesa institucional con representación de todas as administracións para colaborar en medidas e liñas de apoio, dacordo co nivel competencial e coa capacidade económica de cada unha delas”.

Exit mobile version