Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Viveiro informa de 64 casos activos de Covid no municipio, apelando de novo á responsabilidade individual para manter controlada a situación

 Viveiro, 4 de xaneiro de 2021. O Concello de Viveiro informa que a día de hoxe hai no municipio 64 casos activos de coronavirus.

Despois dunhas xornadas de contención, onte rexistráronse oito novos contaxios. A maior parte dos casos de coronavirus en Viveiro responden a persoas asintomáticas ou con síntomas leves, pero desde o concello fan de novo un chamamento á responsabilidade individual para frear o aumento de casos.

Esta tarde haberá unha nova reunión do Comité Clínico da Xunta na que se evaluará a situación xeral e a de concellos como Viveiro, polo que informaremos das posibles medidas ou restricións que se aproben.

Á espera desta reunión, seguen activas as medidas vixentes, polo que a hostalería debe pechar ás 18:00 horas, non se permiten clientes no interior dos locais e o aforo nas terrazas redúcese ao 50%, establecendo grupos dun máximo de 4 persoas non convivintes. O toque de queda mantense nas 23:00 horas.

O concello pide un esforzo conxunto para respectar os protocolos e as recomendacións, evitando a interacción social en espazos interiores, retirando só a máscara para comer ou beber nos locais de hostalería e pasando o maior tempo posible cos convivintes.

O concello adaptou e limitou toda a programación de Nadal polo contexto sanitario e solicita aos veciños e veciñas contención durante a festividade de Reis, disfrutando da maxia da xornada sen poñer en risco a saúde de todos.

Exit mobile version