Site icon Crónica3.com A Mariña

O Goberno da Deputación reclama á Xunta 220M€ de fondos extra, que xa recibiu do Estado, para as entidades locais e os sectores máis afectados pola Covid

 Lugo, 23 de xaneiro de 2021. O Goberno da Deputación de Lugo levará ao Pleno ordinario convocado para o vindeiro martes unha proposta conxunta para reclamarlle á Xunta de Galicia 220M€ de fondos extraordinarios, que xa recibiu do Estado, para as entidades locais e para os sectores económicos máis afectados polo impacto da pandemia. En concreto, solicítalle que inclúa nos orzamentos cando menos 100M€ para as entidades locais co fin de axudarlles a facer fronte ás competencias impropias que están cubrindo na loita contra a pandemia e 120M€ para crear unha liña de axudas destinadas aos sectores económicos máis afectados polas restricións da Covid-19.

O Executivo provincial subliña a necesidade destes fondos xa que, durante toda a pandemia, os concellos non recibiron nin un só euro extra da Xunta para axudarlles a facer fronte aos gastos de competencias impropias que se viron na obriga de asumir, como as desinfeccións dos colexios e dos centros de saúde ou a tramitación dos procedementos sancionadores por incumprimento das medidas de prevención para a loita contra a Covid.

Así mesmo, lembra que a Xunta “non ten presentado nestes meses un plan de axudas concretas para paliar os efectos da Covid nos sectores máis afectados. A única iniciativa que puxo en marcha ata o momento foi habilitar unha axuda económica de 22 millóns. Unha cantidade insuficiente, que non garda relación coas perdas dos negocios, nin co esforzo dos concellos, que non está repartida na súa totalidade e que representa unha porcentaxe ínfima dos fondos extra de loita contra a Covid que lle ten transferido o Goberno do Estado e a Unión Europea á Xunta de Galicia”.

Neste sentido, o Goberno provincial subliña que a Xunta ten as competencias estatutarias na materia e conta tamén con recursos económicos, xa que no 2020 o Estado transferiulle 224M€ a través dos fondos Covid, e acaba de anunciar o reparto doutros 441M€.

Na proposta, o Executivo da institución provincial demanda así mesmo que o procedemento para a concesión das axudas sexa “áxil e sinxelo para facilitar o acceso inmediato aos sectores afectados”.

Por outra banda, reclama que, ao igual que moitos concellos reduciron ou bonificaron os impostos e taxas municipais, a Xunta, tal e como pide a hostalería e o comercio, rebaixe tamén a presión fiscal sobre os sectores afectados eliminando ou bonificando o tramo autonómico do IRPF e o canon da auga, do lixo e o canon eólico”.

Solicita ademais unha mesa institucional interadministrativa na que se acorden as axudas, e incluír nos propios decretos de restricións sanitarias o volume de axudas para facer fronte ás consecuencias que xeran nos sectores afectados.

Colaboración da Deputación
Malia que a Deputación de Lugo non ten competencias nin percibiu fondos para prestar axudas aos sectores afectados, impulsou iniciativas e medidas de apoio. “Axudamos dende o primeiro momento ós sectores afectados, cos que mantemos unha liña de colaboración permanente. A pesar de non ter as competencias e sen ter recibido nin un só euro extraordinario de financiamento, habilitamos, entre outras medidas, campañas de promoción do consumo seguro, actividades de formación na aplicación de medidas sanitarias no comercio e a hostalería, liñas de axudas para os artesáns, deportistas e sectores culturais, así como a posibilidade para os concellos de consignar fondos do Plan Único para calquera necesidade derivada da pandemia”.

“Agora presentamos esta proposta porque continuamos dispostos a colaborar con lealdade e respecto institucional para consensuar axudas, medidas e liñas de apoio dirixidas aos concellos e aos sectores afectados pola COVID 19”.

Exit mobile version