Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno de Mondoñedo comprométese cos impulsores do Manifesto ‘Así, NON!’ a dialogar e consensuar acordos sobre o proxecto de reforma da Praza da Catedral

 Mondoñedo, a 26 de xaneiro de 2021.
Antecedentes
As persoas impulsoras do Manifesto ‘Así, NON!’ rexistraron no Concello de Mondoñedo o pasado 8 de xaneiro un Manifesto-alegación denominado ‘Así, NON!’ — feito público o 30 de decembro de 2020— onde se detallan unha serie de motivos polos que veciñas e veciños, residentes ou non, do concello de Mondoñedo se opoñen ao proxecto de reforma da Praza da Catedral de Mondoñedo.
No documento solicítanse do goberno municipal aclaracións sobre a necesidade e oportunidade dunha obra que pode alterar de maneira dificilmente reparable un ben patrimonial sensible, e proponse a reconsideración do proxecto desde o inicio. Amais, no caso de considerarse necesaria a intervención, esíxese que esta se someta inescusablemente ao parecer da cidadanía na procura de consensos e coas máximas garantías democráticas.
O Manifesto foi avalado ata o de agora por máis de 800 sinaturas de apoio nas plataformas e lugares habilitados o que indica a existencia dunha maioría social que considera esta obra prescindible e non urxente en comparación con outras prioridades.
O Manifesto, non obstante, abre a porta a resolver de maneira non lesiva para a fisionomía da Praza eivas como a accesibilidade, saneamento ou repavimentación.

Entrevista e compromiso para un novo encontro
O pasado 20 de xaneiro solicítabase unha entrevista urxente cos responsables do goberno municipal de Mondoñedo, petición que foi atendida inmediatamente e que se celebrou o día 21 de xaneiro a primeira hora da mañá, nun ambiente en todo momento cortés e construtivo.
Pola nosa parte quedou clara a oposición da plataforma Así, NON! a mover o muro do lado norte e as escaleiras e cantón do lado oeste da Praza pero aberta a disposición a debater alternativas para tratar de resolver problemas como accesibilidade, saneamento, repavimentación ou iluminación.
Recoñecemos que percibimos receptividade ás propostas do Manifesto por parte dos representantes do goberno municipal, que se comprometeron a dar conta dos informes que emita Patrimonio da Xunta sobre as alegacións presentadas e seguidamente a convocar unha reunión para discutir os detalles negociables do proxecto.
Agradécese aos medios de comunicación difusión deste comunicado.

Exit mobile version