Site icon Crónica3.com A Mariña

O Pleno provincial pídelle á Xunta que concrete o persoal que se contratará para a vacinación contra a Covid, a proposta do BNG

 Lugo, 26 de xaneiro de 2021. O BNG urxiu á Xunta de Galiza a presentar no Parlamento un plan de vacinación que detalle o persoal que se contratará para inmunizar á poboación e a pauta a seguir para a administración das vacinas, a través dunha moción aprobada no Pleno provincial cos votos a favor do PSdG e a oposición do PP.
Cantas persoas van contratar para abordar a vacinación de toda a poboación? Que infraestruturas van usar? Quen calendario imos ter para esas vacinacións? O que temos son unhas declaracións do presidente decindo que se ía cargar ese aumento da carga de traballo en enfermeiras voluntarias?”, preguntouse o voceiro Efrén Castro.
“A sociedade demanda información clara e detallada. E ten que darse no Parlamento, non en comparencias de prensa. Non vaia pasar o que pasou cos rastrexadores”, lembrou o deputado nacionalista que pediu á Xunta que “deixe de ir por detrás da pandemia”. O voceiro nacionalista insistiu na necesidade dunha información clara por parte da Xunta de Galicia para que “a opacidade non sirva de pretexto aos que se saltan a quenda e se vacinan cando non lles corresponde, como parece que aconteceu no Hospital da Mariña”
Fondo Covid con achegas proporcionais aos orzamentos
Efrén Castro tamén reiterou a disposición do BNG a participar nun fondo Covid extraordinario para os sectores da hostelería e do turismo no que Xunta e deputacións acheguen unha porcentaxe equivalente en relación ao seu orzamento, una proposta de colaboración recollida nunha moción apoiada por nacionalistas e socialistas.
“Respondan a esa man tendida e séntense a acordar unhas medidas que cheguen rápido para o sector, que é o que nos están pedindo”, insistiu o deputado ante o voto en contra do Partido Popular.
“Se o señor Feixoo quixera liderar Galiza, chamaría as administracións e acordaría unha proposta para rescatar un sector do que dependen miles de empregos”, engadiu Castro que criticou que “parte das axudas posta en marcha pola Xunta non están a chegar ao sector”. Engadiu ademais que o BNG apostou desde o inicio por aplicar o modelo alemán na concesión de axudas, é dicir, incluír as achegas nos mesmos decretos nos que se establecen as restricións
Transporte escolar no Courel
O Bng tamén esixiu desde o pleno provincial a modificación das condicións de licitación das rutas de transporte escolar do CPI Poeta Uxío Novoneyra de Folgoso do Courel para manter o servizo actual.
Na defensa da moción sobre o transporte do Courel, que saiu adiante por unanimidade, a deputada e vicepresidenta da Deputación Maite Ferreiro subliñou que “a paralización do concurso por parte da Xunta non garante unha solución para as familias do Courel”. Así, demandou que “se manteñan as rutas que veñen dando servizo ao alumnado e se liciten como un lote único, atendendo ao carácter rural e de zona de montaña do Courel, cumprindo a filosofía e o obxectivo dos fondos FEDER que financian o servizo”.Ferreiro alegou que “as nenas e nenos do rural non poden ser discriminadas no acceso á educación”.
Elaboración dunha normativa específica sobre os novos usos sociais do monte
O BNG tamén obtivo o respaldo do pleno -votos a favor do PSdG e abstención do PpdG- para sacar adiante unha moción que insta á Xunta de Galiza a unha normativa específica de usos sociais do monte, que preveña os danos e alteracións que algunhas actividades lúdicas e deportiva poden causar nos montes.
“Cun lexislación que dea seguridade xurídica, pódese compatibilizar e mesmo propiciar eses novos usos do monte de forma respectuosa co monte e coa propiedade dos veciños”, expuxo Efrén Castro.

Exit mobile version