Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP do Valadouro critica que “despois de oito anos prometendo o polígono, o goberno local aínda non solicitou o seu cambio de ubicación”

 O Valadouro, a 22 de xaneiro de 2021. O voceiro do PP do Valadouro, José Manuel Lamela, destapou na sesión plenaria celebrada este mércores as mentiras do alcalde socialista en relación á construción do polígono industrial que supoñen o atraso para a súa implantación no noso concello. O popular lamenta que “despois de oito anos prometendo o polígono para xa, o alcalde aínda non ten nada feito; tal e como recoñeceu no pleno despois de dar moitas voltas”.

Lamela sinala que “o goberno local aínda non ten solicitado ante o Instituto de Vivenda e Solo o cambio de emprazamento que eles mesmos propuxeron”. O popular explica que é preciso solicitalo formalmente para que sexa recollido polo plan de sectorización do parque empresarial do Valadouro e, “unha vez aprobada a substitución da localización no Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia, poderase tramitar a modificación das normas subsidiarias e complementarias de planeamento do Concello para clasificar a nova zona como solo apto para urbanizar de uso industrial”.

O alcalde mentiu sobre a aprobación da modificación das normas de planeamento
O voceiro dos populares no Valadouro incide en que “o PSOE mentiu no seu último programa electoral onde sinalaba que fora aprobada a modificación puntual das normas urbanísticas en decembro do 2018. Non é certo porque primeiro é necesario tramitar o cambio da área delimitada pola creación dun emprazamento diferente ante o IGVS para cumprir co que establece o Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia”.

Tramitación encamiñada polo anterior goberno que o actual fixo volver atrás
Lamela lembra que “o plan de sectorización do parque empresarial foi aprobado inicialmente no 2009, na etapa do anterior goberno que deixou encamiñada a tramitación de cara á construción do polígono”. Os socialistas propuxeron unha nova ubicación pouco despois de chegar ao goberno e “os trámites non avanzan; senón que teñen que volver para atrás. Iso a pesar de que o Concello comprou os terreos novos que incluso apoiamos dende o Grupo Municipal Popular co obxectivo favorecer a implantación de solo industrial no noso concello”, conclúe.

Exit mobile version