Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP espera que Tomé aproveite a súa iniciativa e nesta ocasión aprobe o plan anticovid dotado con catro millóns para apoiar a reactivación económica da provincia

 Lugo, 26 de xaneiro de 2021. O portavoz do PP, Javier Castiñeira, sinalou, antes do comezo da sesión plenaria (telemática) da corporación provincial, que enfoca este pleno “en positivo” e anunciou a presentación dunha emenda “para mellorar a deficitaria proposta do goberno, que deixa a recuperación económica da provincia única e exclusivamente nas mans da Xunta”.

Castiñeira destaca que os populares entenden que “todas as administracións deben participar no financiamento da recuperación do tecido económico lucense e, por suposto, tamén a Deputación ten que sumarse ao plan de reactivación”. Por iso, o PP propón
“que o bipartito rectifique a súa decisión inicial e sume ao fondo de recuperación os 4 millóns de fondos propios que lle pediu, en xuño do ano pasado, o Partido Popular”. Igualmente sinala que “o Estado debe acceder ás peticións dos hostaleiros e deseñar un plan de rescate nacional para o sector”.

Castiñeira explicou xusto antes do comezo da sesión que nesta o PP presentará tamén dúas mocións que o goberno da Deputación debería apoiar por ser importantes para os intereses e o desenvolvemento do futuro de moitos lucenses”. Na primeira, destaca o portavoz popular, “instamos ao Goberno central a modificar o artigo 18 do proxecto da nova Lei de Cambio Climático, que vai na liña do borrador presentado da Lei de Costas e que modificaba á baixa os períodos das concesións no dominio publico marítimo terrestre, algo que anticipou o Partido Popular fai un ano e que o goberno da Deputación non deixou debater”. Os populares din que “se non se modifica pode supoñer un aumento da inseguridade xurídica para moitas empresas de A Mariña, como piscifactorías, depuradoras e mesmo instalacións públicas, o que daría pé a desinvestimentos e perda de postos de traballo.

Por outro lado, segundo anunciou Castiñeira, “daremos traslado noutra moción ás queixas de varias asociacións de Carballedo; os veciños están fartos do mal estado de varias estradas provinciais que comunican o concello de norte a sur e enlazan con Ourense”. No seu momento, o Partido Popular acudiu á chamada das asociacións e do propio alcalde de Carballedo e comprobou o mal estado das estradas LU-P 1001, 1002, 1004 e 1010, que suman case 50 quilómetros, cun trazado sinuoso e moi mal pavimentado. Castiñeira sinalou: “O presidente da Deputación, o socialista José Tomé, quixo desprezar as demandas veciñais dicindo que todo era unha montaxe do Partido Popular e que solucionaría o problema arranxando 400 metros de cuneta, algo que ofendeu profundamente aos veciños; esperamos que no pleno rectifique e nos primeiros meses do ano redacte o proxecto para que se poidan executar as obras canto antes”.

Exit mobile version