Castiñeira sinala: “Pedimos ao goberno provincial que pense nun plan para combater o despoboamento, para mellorar a demografía da nosa provincia, moi envellecida e con continua perda de poboación en moitísimos concellos. A Deputación de Lugo, se debe ter un obxectivo, debe ser precisamente o de tratar de motivar á xente para vivir no rural. Para elo é necesario investir no rural e para iso hai que ter un proxecto claro, un plan; pedimos ao goberno da Deputación que o deseñe xunto cos concellos e que se consensúe coa oposición. Todas as administracións deben traballar neste terreo, pero moi especialmente a Deputación de Lugo e ten que facelo coas empresas, cos colectivos profesionais, cos grupos políticos e cos concellos”.
O portavoz provincial dos populares sostén que ”é necesario deseñar e poñer en práctica un conxunto de medidas para frear e reverter o proceso de despoboamento do rural, que é unha das maiores enfermidades que ten a nosa provincia”. Expresa a súa preocupación polo feito de que “o goberno provincial non só non fai nada para combatela, senón que, ao contrario, retirou as axudas que propoñía o PP no Plan Único 2021 para afrontar o reto demográfico”.
Castiñeira apunta unha liña de traballo: “Temos unha oportunidade que son os fondos europeos para a recuperación, os fondos Next Generation, que fan fincapé no reto demográfico e na loita contra o despoboamento. Queremos que a Deputación traballe nese sentido e deseñe un plan encamiñado a buscar financiamento neses fondos; é posible facelo de maneira conxunta entre as entidades empresarias e profesionais, os partidos políticos, os concellos e as diferentes administracións”.