Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE afirma que a inversión do estado na provincia no orzamento do 2021 ascende a 348 euros por habitante, case un 35% por riba da media española

Foto de arquivo

Lugo, 8 de xaneiro de 2021. A deputada lucense do PSdeG-PSOE no Congreso, Ana Prieto remarcou hoxe que “a inversión por habitante en Lugo ascende a 348 euros, case un 35% por riba da media española, que se sitúa en 258,2 euros por habitante”. Son contas que na provincia de Lugo, pese a pandemia, sobresaen polo seu gran esforzo inversor, coa maior inversión en gasto social da historia: consolidan o ingreso mínimo vital, blindan o sistema de pensións, garanten aos nosos maiores lucenses recursos dignos e suficientes a través de revalorización das pensións.

Nos orzamentos recentemente aprobados, e que xa están en vigor dende o 1 de xaneiro, o gasto territorializado en Lugo ascende á 114,10 millóns de euros, incrementándose un 60,21% en relación aos orzamentos do 2019. En relación coas grandes contas de 2018, o gasto total previsto en INFRAESTRUTURAS incrementouse en Lugo nun 90,7% nos novos orzamentos, pasando a 110,5 millóns de euros. “Os investimentos en Lugo reflicten o compromiso do Goberno de España en materia de infraestruturas”, afirma a deputada socialista.

A provincia de Lugo ten asignados 26 millóns de euros para estradas. Este orzamento contempla a consignación para rematar as obras na autovía A-54 entre Lugo e Santiago; redacción de estudos e proxectos para a autovía A-74 da Mariña, e a A-76 Monforte de Lemos-Babela, así como actuacións para potenciar o Camiño de Santiago o seu paso pola nosa provincia.

Sector ferroviario
O investimento real no sector ferroviario na provincia de Lugo incrementouse un 758,2% con respecto ao 2018; consignándose 76,2 millóns de euros. Para actuacións de renovación e electrificación na liña Ourense-Monforte-Lugo, mais para a Estación Intermodal de Lugo, ADIF consigna 84,6 millóns de euros. Tamén consigna 3,1 millons para a renovación da liña Monforte-León.

A provincia de Lugo ocupa a posición número 9 na táboa de clasificación de inversións por provincias no sector ferroviario, con 232,27 euros por lucense. Prieto pide “altura de miras aos deputados e senadores galegos do PP, para que deixen de lado confrontacións estériles e arrimen o ombreiro”. Sinala que “os deputados e senadores do PP, son os mesmos que en medio desta pandemia votaron non a 3.400 millóns de euros para a sanidade, votaron non a 1.088 millóns de euros para a Atención Primaria e votaron non a 1.000 millóns de euros para mercar as vacinas contra a covid”.

“O Goberno de España cumpre coas veciñas e veciños de Lugo cunhas contas con maior investimento social da historia, que consolida o Ingreso Mínimo Vital, blinda o sistema de pensións, garante aos nosos maiores pensións dignas. O medio rural refórzase con servizos e con feitos, non con palabras baleiras e confrontación”, remarcou Prieto.

Por ultimo afirma que “este non é o momento para enredos políticos que o único que buscan e desviar a atención da importancia do orzamento 2021. É o momento da concordia, de estar á altura e buscar os acordos e solucións que Lugo necesita, porque son momentos para a xenerosidade política e non para a confrontación”.

Exit mobile version