Site icon Crónica3.com A Mariña

“Presupostos Vintage”, por Miguel García Rodríguez

Decepción, esa é a impresión que levamos no BNG de Xove trala aprobación dos presupostos municipais para o 2021, decepcionados porque nos atopamos ante uns orzamentos que pouco invitan ó municipio a saír da escuridade, a pesar da importante inversión en alumeado(262000€ ), por outra vía que non sexa a do asfalto do que tamén temos cantidade (667500€); unha política de “asfalto e poste” nada acorde nin coa época nin coa situación que vivimos os mariñás, con dous virus, moi graves os dous, o sanitario e o industrial.

O goberno municipal carece dun plan a longo prazo e cada ano que pasa demostran que a palabra xestión para eles non vai máis alá que tapar furados sin previsión ningunha de futuro; unha política que lonxe de ser conservadora trócase en arriscada porque o estancamento destas políticas castíganos ós veciños ano tras ano nunha obsolescencia nada acorde co elevado presuposto que se dispón (7935000€). A vontade do BNG non é aumentar o investimento, senón distribuílo de xeito eficaz en políticas de futuro, innovación, emprego, reactivación do rural e servizos.

A maiores dos anteriormente citados alcatrán e alumeado, o resto pódese chamar calquera cousa menos reparto. Non se pode chamar xusto un investimento que se esquece literalmente de parroquias coma Lago, Morás, Xuances ou Sumoas destinando 0€, a mellora dun acceso a San Cristovo (40000€) e o acondicionamento da fonte das hedradas (30000€) vai ser o único que reciban as parroquias de Portocelo e Monte, facendo pensar que non coñecen ou non queren recoñecer os problemas reais destes veciños.

O investimento en políticas activas de emprego segue sendo o mesmo que nos anos anteriores, cero euros, polo que cómpre non desilusionarnos ó saber que Xove, o concello que leva máis de 40 anos ó amparo do complexo de Alúmina e Aluminio, non ten ningunha alternativa laboral ó peche da multinacional Alcoa. Un peche que de non materializarse será grazas á loita dunha comarca desamparada pola clase política no poder. O máis parecido que figura no investimento relacionado coa industria, pasa polo acondicionamento da parcela de titularidade municipal dentro do polígono industrial de Camba… pero para convertela en prazas de aparcadoiro (48000€). Agora o único que podemos facer é lamentar os 40 anos de inmobilismo popular, pero do que aínda estamos a tempo é de evitar concederlles unha soa lexislatura máis.

A industria non é a única castigada nesta distribución de investimento. Son cero os euros destinados á innovación e melloras dun sector agrario tan importante na actualidade; cero os euros adicados á dinamización do rural, cero euros invertidos en política forestal e en promoción do monte galego, cero euros invertidos na promoción da lingua e cultura galega, cero tamén as políticas adicadas a frear deriva demográfica que estamos a vivir no noso Concello no que cada vez somos menos e máis envellecidos e tampouco fan nada para frealo, unha poboación envellecida que tamén forma parte do grupo de maior risco dunha Covid que tamén leva cero euros adicados.

En resumo, a palabra decepción quédasenos algo curta ante tales contas. Sabemos que mentres non chegue unha alternativa política que si aposte polo futuro da vila, esta vai ter que seguir amparada polo abnegado traballo das distintas asociacións e clubs, que co seu traballo aportan máis ó Concello que o propio goberno municipal intentando facer de Xove un lugar atractivo ó que vir e no que vivir.

Miguel García Rodríguez
Concelleiro BNG Xove

Exit mobile version