Queremos aproveitar este cincuenta aniversario para lembrar a todas as persoas que fixeron posíbel tantos anos de actividade cultural, para repasarmos as diferentes achegas que fomos quen de facer desde este recuncho do país, para mostrarmos a nosa ilusión por encararmos outros tantos anos de vida colectiva. Para render homenaxe a todas as persoas que empurraron cara a adiante no activismo cultural contaremos con achegas de Eduardo Gutiérrez, Xavier Campos ou Dores Fernández Abel, de destacados persoeiros da cultura galega que pasaron por Ribadeo da man da nosa agrupación como Xaquín Marín, Xosé Lois o Carrabouxo ou Siro López, Marica Campo, Pilar García Negro, Francisco Rodríguez ou Xosé Manuel Beiras; por suposto, todas aquelas persoas veciñas de Ribadeo e comarca que colaboraron coa agrupación tamén van dar a súa visión da intensa actividade que desenvolvemos ao longo destes anos.
Á espera da evolución da situación sanitaria, agardamos poder sacar á luz este novo exemplar dos “Cadernos ribadenses” cara ao verán. En todo caso, e sempre que fora posíbel, cando se fora facer a presentación pública destes “Cadernos ribadenses” xa lle dariamos a debida publicidade para convocar a toda a veciñanza interesada en sumarse a esta homenaxe a participar nos actos que se organicen.