Site icon Crónica3.com A Mariña

A Área de Medio Ambiente de Ribadeo levará a cabo unha campaña de esterilización de gatos para ter controladas as colonias que hai na rúa

Ribadeo, 22 de febreiro de 2021. A Área de Medio Ambiente levará a cabo unha campaña de esterilización para ter controladas as colonias de gatos que hai na rúa en Ribadeo. Un grupo de voluntarias e voluntarios e dúas clínicas veterinarias colaboran co Concello.

O edil Jorge Díaz Freije explicou que “acabamos de colocar a primeira pedra para levar adiante esta iniciativa en Ribadeo na que colabora un grupo moi importante de voluntariado, de veciños e veciñas, así como dúas clínicas veterinarias da vila, que aportan o carácter profesional. O obxectivo é ter controladas estas colonias de gatos, que hai en varias localizacións da vila e que o traballo sexa serio. A Concellaría de Medio Ambiente encargarase da parte económica”.

O concelleiro ribadense indicou que “imos comezar nunhas zonas ou focos concretos, que están mais masificadas e onde cremos necesario ser mais efectivos. E para iso é precisa a colaboración deste voluntariado. Aceptamos toda axuda, pero todo vai pasar por este grupo de voluntarias e voluntarios para canalizar todas as propostas que teñamos, especificar que son gatos ou gatas da vila e que están a vivir nas rúas. Procederemos a collelos, a esterizalos e a identificalos para facer un censo e despois devolvelos ao seu hábitat, e así controlar tamén a súa reprodución”.

Díaz Freije agradece “a todos e todas a súa colaboración, imos poñer todo o noso esforzo para que saia adiante esta iniciativa, loxicamente temos un presuposto e debemos adaptarnos a el. Pero iremos pouco a pouco”.

Exit mobile version