Site icon Crónica3.com A Mariña

A Plataforma en defensa da sanidade pública da Mariña rexeita a reforma da Lei galega de saúde

A Mariña, 20 de febreiro de 2021. Diante do inminente inicio do debate doutra reforma da Lei galega de saúde, a Plataforma en defensa da sanidade pública da Mariña quere amosar o seu rexeitamento polos seguintes motivos:

– De novo, ao igual que a anterior reforma desta lei a tramitación faise de xeito unilateral, sen diálogo, sen suficiente publicidade, dun xeito opaco como adoita ser o seu modus operandi.

– Recorta dereitos e liberdades, sendo eminentemente sancionadora e obrigando á realización de probas, vacinacións e tratamentos, o cal podería entrar en conflito co principio ético da autonomía do paciente e co dereito a negarse á administración dun tratamento, recollido na Lei de consentimento informado.

– Non fala en ningunha das partes sometidas a reforma do reforzo do sistema sanitario, da blindaxe e mellora da atención primaria nin de reverter os brutais recortes que aplicou o goberno da Xunta.

– Non contempla a recuperación das catro áreas sanitarias eliminadas na anterior reforma e que alonxou a sanidade das veciñas e veciños, centrou o eixo da atención sanitaria nos grandes hospitais das urbes, e ao fin converteu á poboación das áreas rurais en pacientes de segunda categoría en relación á poboación das capitais.

Exit mobile version