Site icon Crónica3.com A Mariña

A reapertura da praza de abastos de Ribadeo terá lugar este martes, tras as obras de remodelación realizadas nas últimas semanas

Ribadeo, 13 de febreiro de 2021. A reapertura da praza de abastos de Ribadeo terá lugar o vindeiro martes, 16 de febreiro, tras as obras de remodelación realizadas nas últimas semanas. O investimento ascendeu a preto de 60.000 euros e incluíu, entre outras, melloras no saneamento, na iluminación, nos aseos ou no pavimento. O equipo de goberno visitou esta mañá a praza, onde os vendedores preparan os seus postos para abrilos de novo ao público.

O concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, sinalou que “a primeiros desta semana recibimos a obra por parte da empresa adxudicataria e procederase a reabrir ao público a praza de abastos de Ribadeo o próximo martes, día 16”.

O edil ribadense lembrou que “se trata dun investimento de case 60.000 euros, con financiamento europeo e inclúe unha achega de 20.000 euros aproximadamente de fondos propios do Concello. Con este investimento abordamos reparacións importantes como a renovación do saneamento da praza e dos baños, a instalación eléctrica, traballos de pintura e o que quizais sexa máis visible a todos que é o novo pavimento, que lle da moita máis luminosidade e claridade, coa axuda tamén dunhas novas luminarias led e totalmente actualizadas”.

Vizoso Galdo subliñou que “con estas obras o que pretendíamos é dinamizar e poñer en valor de novo a praza de abastos e todo o seu entorno para siga a ser un punto neurálxico da vila. Temos moita esperanza de que estas obras permitan ás praceiras e aos praceiros de Ribadeo recuperar clientela, conseguir máis clientela, sobre todo fidelizar e prestar un mellor servizo a todo o seu público”.
As instalacións da praza de abastos contarán cunha moderna máquina fregadora para proceder á súa limpeza.

O concelleiro de Desenvolvemento Local agradeceu “a colaboración das Concellarías de Medio Ambiente e de Obras, polas tarefas de mantemento que realizan neste recinto”.

Exit mobile version