Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta aborda cos Centros de Información á Muller da provincia as novidades da próxima convocatoria de axudas para apoiar o seu labor, que financiará todos os gastos de persoal

 Lugo, 11 de febreiro de 2021. A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, reuníronse hoxe por videoconferencia con responsables dos once Centros de Información á Muller (CIM) lucenses para abordar as novidades que incluirá a próxima convocatoria de axudas dirixidas a apoiar a súa actividade.

Segundo destacaron, en 2021 esta liña de achegas terá entre as principais vantaxes que pasarán a ser subvencionables a totalidade dos gastos do persoal dos CIM, que inclúen as retribucións íntegras máis a cotización á Seguridade Social a cargo das respectivas entidades locais.

A xuntanza serviu para coñecer as propostas e necesidades formuladas desde os centros e avaliar o funcionamento do Plan de reforzo de atención ás vítimas de violencia de xénero posto en marcha polo Goberno galego para garantir todos os recursos a aquelas mulleres que o precisen durante a pandemia.

Nesa liña, destacaron o papel dos CIM lucenses, nos que se proporciona asesoramento xurídico, atención psicolóxica, orientación profesional e sociolaboral ás mulleres que poden estar sendo vítimas da violencia de xénero ou a outras mulleres que polas súas circunstancias demandan a súa atención.

Os CIM están situados nos concellos de Chantada, Lugo, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Palas de Rei, Quiroga, Ribadeo, Sarria, Vilalba, Viveiro e Burela. Entre todos eles prestan servizo a 37 concellos e no último ano, a Xunta apoiou o seu labor con achegas por valor total de 516.400 euros.

Máis liñas de colaboración coas entidades locais
O programa de axudas aos CIM inscríbese nunha convocatoria máis ampla para promover medidas en materia de igualdade en colaboración coas entidades locais, que o ano pasado supuxeron un investimento total de 920.000 euros na provincia de Lugo.

Así, a Xunta destinou 237.000 euros en 2020 a apoiar plans de conciliación en 24 concellos lucenses e 155.500 euros a medidas de sensibilización impulsadas en 28 municipios, ademais de financiar programas de prevención e tratamento da violencia de xénero.
Así mesmo, este ano a Xunta destina 1,4 millóns de euros a sufragar a contratación de mulleres vítimas de violencia de xénero por parte de entidades locais de Galicia (concellos, grupos de municipios, consorcios ou mancomunidades).

Exit mobile version