Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta achegou máis de medio millón de euros a 18 proxectos promovidos polo sector pesqueiro da Mariña nos últimos meses

 Lugo, 10 de febreiro de 2021. A Consellería do Mar achegou no último ano máis de 506.000 euros para impulsar 18 proxectos promovidos polo sector pesqueiro da Mariña e xestionados a través do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) A Mariña-Ortegal.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez Carballo, mantiveron hoxe unha reunión por videoconferencia co presidente do GALP, Javier Martínez Otero, e outros representantes tanto da consellería como da entidade.

No 2020, o GALP aprobou na Mariña 12 proxectos produtivos doutras tantas empresas. Trátase de traballadores autónomos e pemes, dedicados ao marisqueo, pesca ou comercialización de peixe e mariscos. Suman achegas por importe de 355.000 euros, destinadas á adquisición de equipamento para a mellora da comercialización, equipamento informático e modernización de equipos -pesaxe, trazabilidade e etiquetaxe-. Tamén figura unha nova empresa -que prestará servizos de eficiencia enerxética- no parque empresarial de Barreiros. O investimento total subvencionable ronda os 650.000 euros e a porcentaxe da axuda oscila entre o 50% e o 80%, segundo os casos.

Así mesmo, apoiou seis proxectos non produtivos, que suman 151.700 euros en achegas para un orzamento subvencionable de 179.200 euros, con axudas de entre o 80% e o 100%. Así, a Confraría de Pescadores de Foz introduciu melloras na nave de redes; a de Celeiro adquiriu un vehículo todoterreo para labores de vixilancia de recursos, e a de Ribadeo diverso equipamento. Tamén se financiaron as xornadas de Expomar en Burela e o programa escolar Mariñeiros por un día en Celeiro; e por último, a creación en Cervo da Aula do mar A Mariña, que promove a Asociación de Axuda ó Enfermo Mental A Mariña.

No que respecta á distribución por concellos, Ribadeo, Viveiro e Burela contan en cada caso con cinco proxectos subvencionados, e Cervo, Barreiros e Foz con un.

Datos xerais
O GALP A Mariña-Ortegal está integrado polos concellos de Valdoviño, Cedeira, Cariño, Ortigueira, Mañón, O Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Foz, Barreiros e Ribadeo. Durante o pasado ano contribuíu á posta en marcha de 29 proxectos -18 na Mariña e o resto nos municipios veciños- con máis de 1,1 millóns de euros.

Desde a primeira convocatoria de axudas a proxectos dos GALP, en 2016, desenvolvéronse 103 proxectos con máis de 4,9 millóns de euros en achegas. Deste total, arredor do 82% destinouse ao desenvolvemento de proxectos produtivos e o 18% restante a proxectos non produtivos.

Exit mobile version