Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta adxudica a redacción do proxecto da nova estación depuradora de augas residuais de Burela

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2021. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de adxudicar a redacción do proxecto de construción da nova estación depuradora de augas residuais de Burela.
Este contrato foi adxudicado á empresa Proyfe S.L., por un importe que rolda os 88.000 euros. Os traballos contan cun prazo de execución de 8 meses.

Esta intervención da Xunta vén motivada polas deficiencias detectadas na actual estación depuradora municipal e ten por obxectivo a definición do deseño construtivo da nova planta depuradora de Burela.
Deste xeito, os traballos obxecto deste contrato deberán proxectar unha nova instalación que inclúa pretratamento, tratamento biolóxico e desinfección.

A nova planta de tratamento de augas residuais situarase na zona de servizo do porto de Burela, máis en concreto nunha parcela duns 3.500 m2 nas inmediacións do novo viario de acceso ao porto.
O obxecto deste contrato permite que a redacción do proxecto construtivo, así como a obra posterior, conten con cofinanciación a través do programa europeo FEDER Galicia 2014-2020.

Esta actuación enmárcase nas tarefas que están a impulsarse desde Augas de Galicia para a mellora do sistema de saneamento neste concello lucense, en apoio ás competencias municipais nas materias de depuración e saneamento.

Neste sentido, ademais do proxecto que se redactará co contrato adxudicado hoxe para a nova depuradora de Burela, e que se corresponde coa fase 2, Augas de Galicia acaba de iniciar a supervisión do proxecto, recentemente rematado, para a mellora do sistema de saneamento de Burela, fase 1. Trátase do novo colector xeral de Burela.

Mellora do sistema de saneamento no concello
No caso do saneamento, de competencia municipal, o Concello conta cunha rede unitaria moi desenvolvida con graves deficiencias produto da mala xestión das augas pluviais. Deste xeito, aínda que ten separado algunhas redes de pluviais e pequenos mananciais e regatos que estaban canalizados pola rede de saneamento, están a producirse desbordamentos polo importante caudal de infiltracións na rede, incluso en períodos secos.

Para resolver esta problemática, o proxecto no que traballa a Xunta prevé a instalación dunha estación de tratamento e bombeo de augas residuais na zona portuaria para concentrar o caudal recollido polos colectores da contorna do porto e permitir o seu bombeo á nova depuradora de Burela tras un desbaste previo.

Exit mobile version