Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta distribúe 612.000 euros en axudas directas a 25 barcos de palangre de superficie da Mariña para paliar as perdas causadas pola pandemia

Burela, 22 de febreiro de 2021. A Consellería do Mar distribuíu 612.530 euros en axudas directas destinadas a 25 barcos da Mariña dedicados á palangre de superficie, coa finalidade de paliar as perdas provocadas pola covid-19 durante o pasado exercicio.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, sinalou que o peche de fronteiras dificultou en gran maneira a comercialización dos produtos pesqueiros desta frota, dado que o groso da súa produción vai cara ao exterior, tanto ao mercado italiano como ao asiático -en particular, o chinés-. Igualmente, o mercado interior viuse afectado pola perda das vendas á hostalería.

A frota galega de palangre de superficie que conta con autorización de primeira venda para conxelado rexistrou entre febreiro e agosto do pasado ano unha importante diminución da súa facturación en relación con 2019. Ante esta situación, a Consellería do Mar estableceu unha axuda máxima de 25.000 euros por buque. A práctica totalidade dos barcos con domicilio social ou porto base na Mariña alcanzaron esta contía, salvo dous que recibiron un importe lixeiramente menor por terse beneficiado doutros programas de subvención.

Arias sinalou que a Xunta está a realizar “un importante esforzo orzamentario para axudar ao tecido produtivo galego a superar as dificultades económicas que ocasiona a situación de emerxencia sanitaria”. Neste sentido, lembrou que “a fortaleza dos nosos sectores básicos, como o agropecuario e a pesca, contribuirá notablemente ao mantemento do emprego e á recuperación trala pandemia”.

Exit mobile version