Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta mellora o material de agrupacións de voluntarios de Potección Civil con 4 embarcacións de salvamento e rescate, unha delas a Barreiros

 Fisterra (A Coruña), 17 de febreiro de 2021. O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, fixo entrega hoxe de 4 embarcacións pneumáticas semirríxidas destinadas a Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) para actuacións de salvamento e rescate nos concellos de Fisterra, Valdoviño, Barreiros e Vilagarcía de Arousa.
As embarcacións entregadas hoxe con case 6 metros de eslora total permitirán reforzar o equipamento destas agrupacións para levar a cabo actuacións de salvamento e rescate en praias costeiras e fluviais. Os concellos beneficiarios deben estar adscritos ao Plan de Salvamento en Praias de Galicia e en zonas dos plans de emerxencias de encoros do Plan de Inundacións de Galicia (Inungal).

Este material enmarcase na orde de axudas da Xunta dirixida ás AVPC de municipios de menos de 50.000 habitantes, a través da que o ano pasado se concederon 932.400 euros a 87 concellos galegos e 2 mancomunidades. Ademais das embarcacións entregadas hoxe entre o material cedido inclúense ademais 12 remolques de emerxencias, 8 vehículos todo terreo tipo pick-up, 37 tendas de campaña para emerxencias, 4 UTV (Utility Task Vehicle), 12 coitelas para retirada de neve e 12 esparexedores de sal.

O vicepresidente primeiro da Xunta destacou o labor altruísta levado a cabo cada día polos voluntarios de Protección Civil para garantir a seguridade dos cidadáns e tamén a súa implicación nos meses máis duros da pandemia en operativos relacionados coa loita contra a covid-19. Así, participaron no reparto de alimentos e medicamentos a persoas en situación de vulnerabilidade e na limpeza e desinfección de lugares públicos. Deste xeito, destacou a colaboración destas agrupacións para reforzar os servizos de emerxencias, sobre todo en actividades de prevención, e mesmo en intervencións.

Alfonso Rueda incidiu na necesidade de investir en prevención para que os efectivos de emerxencias conten co material axeitado para traballar nas mellores condicións e realizar as súas intervencións con seguridade e maior eficiencia.

Exit mobile version