Site icon Crónica3.com A Mariña

Arias subliña o “traballo constante da Xunta” na mellora da atención ás persoas maiores ou en situación de dependencia

Lugo, 24 de febreiro de 2021. A Xunta de Galicia realiza un traballo constante na mellora dos servizos públicos destinados ás persoas maiores ou en situación de dependencia, “de máxima colaboración cos concellos e superando o esforzo que lle corresponde, porque o Goberno do Estado non achega o 50% do orzamento que fixa a Lei de Dependencia”. Así o confirmou hoxe o delegado territorial de Lugo, Javier Arias, logo de coñecer as esixencias da Deputación provincial, “que non se encamiñan na dirección axeitada para reclamar máis financiamento”.

Arias explicou que a Xunta está a asumir o 76% do orzamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), cando a Lei de Dependencia recolle que o Estado debe participar coa metade do investimento. Pese a esta circunstancia, o Goberno galego “realiza un esforzo cada vez maior nesta materia, á que destina na provincia 18 millóns de euros”. O mes pasado reforzou o SAF en 30 municipios lucenses, os que acreditaban máis necesidade, elevando nun 13,5% as horas anuais de prestación. Outros concellos, pola contra, non utilizan todas as horas que teñen asignadas, como é o caso de Monforte de Lemos -que ten dispoñibles 570 horas, case o 9% do total-.

Ademais, durante a maior parte do pasado ano, e atendendo ás especiais circunstancias sanitarias, todos os concellos da provincia dispuxeron dun 65% máis de horas de SAF para distribuír entre a poboación.

Arias lembrou que tanto os concellos como as Deputacións teñen competencias nos servizos sociais comunitarios básicos e específicos, “que, de feito, utilizaron en Lugo para implantar minirresidencias sen contar co criterio ou a planificación da Xunta”. Neste sentido, instou a que cada Administración se centre “en mellorar a súa propia xestión en beneficio dos veciños e veciñas da provincia”, e a traballar “con ánimo de cooperación”.

Na mesma liña, indicou que o Goberno galego aposta polo investimento en servizos sociais para continuar cos avances realizados nos últimos anos, nos que se conseguiu incrementar en Lugo en máis dun 40% as prazas públicas en residencias, triplicar practicamente as prazas en centros de día ou introducir novos modelos de asistencia como son as casas do maior.

Coidados no domicilio
O sistema galego de atención á dependencia inclúe tamén as axudas destinadas a libranzas para coidados no domicilio, que ascenden na provincia a preto de 4 millóns de euros (3.996.500 euros).

Estes apoios posibilitan a atención por parte do entorno familiar ou ben dun asistente persoal -no caso de grandes dependentes-. Durante o pasado ano incorporáronse a este servizo 644 novos usuarios, que supuxeron un incremento orzamentario de 525.300 euros.

Desde abril de 2019 a Xunta incrementou as contías das prestacións que reciben os beneficiarios, nun 10% no caso de coidadores do entorno familiar, e nun 15% para os que precisan dun asistente persoal. Galicia é a comunidade autónoma que máis aposta polos asistentes persoais, que exercen un labor fundamental de apoio ás persoas con discapacidade, achegando unha contía media de 1.500 euros para a súa contratación.

Por outra banda, 1.472 lucenses dispoñen do servizo de teleasistencia, que se presta en colaboración coa Cruz Vermella e que suma en Galicia un orzamento de 1,4 millóns de euros.

“Hoxe en Galicia as persoas con discapacidade e as súas familias teñen máis apoios que nunca”, afirmou Arias. Con todo, apuntou, “co reto de seguir mellorando, estamos xa a traballar na renovación do modelo de residencias”. Para elo, creouse a finais do ano pasado o Comité Asesor Sociosanitario, no que están representados todos os axentes implicados no sector residencial: o persoal médico e de enfermaría, directores e traballadores dos centros, académicos e investigadores, arquitectos e, naturalmente, familiares de usuarios.

Exit mobile version