Site icon Crónica3.com A Mariña

Folga fronte ao centro de día de Abadín

Abadín, 25 de febreiro, 2021. A semana pasada arrincaba a folga indefinida de centos de traballadores dos servizos que xestiona o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar. Este xoves, como os vindeiros, continuaron con paróns de 8,00 a 11,00 da mañá, cos que as traballadoras queren denunciar a situación laboral irregular que viven dende hai 13 anos por culpa dunha Xunta que agora quere prescindir da súa experiencia convocando unha nova OPE libre, sen posibilidade de consolidación.

Foi unha xornada que serviu para comprobar que as familias e usuari@s dos Centros afectados pola folga apoian ás demandas das traballadoras. A meirande parte son conscientes de que todo isto tamén lles afectará, coa supresión de servizos, e o cambio de profesionais coas que tratar.

”De momento, ninguén contactou connosco para iniciar a negociación co comité de folga, que é obrigatoria”, “están negociando as bases da OPE que nos botará á rúa antes de regularizar os nosos contratos ilegais”, foron algunas das declaracións realizadas.

”Falamos de máis de 1000 mulleres as que estamos nesta situación de abuso, que dificilmente podemos arriscarnos a perder os nosos empregos para quedar ao borde da dificultade extrema para saír adiante”, denuncia a Asociatem, que lembra ademais que “Directivas Europeas expresamente prohiben a contratación temporal continuada como tivemos todos estes anos. Pero o señor Feijoo non ten escoitado falar a Europa neste punto, e nada sabe do fragrante incumprimento de tales directivas”.

Ante esta situación piden “xustiza e cordura para non perder os nosos postos de traballo e non desmantelar a rede de servizos municipais e comarcais dos centros do Consorcio, dos equipos ben formados e da forte implantación social e territorial que temos”.

Exit mobile version