Site icon Crónica3.com A Mariña

Jesús Mundiña despediuse da corporación municipal de Ribadeo no pleno extraordinario celebrado este venres

Ribadeo, 27 de febreiro de 2021. O edil de Medio Rural, Jesús Mundiña, despediuse dos seus compañeiros de Corporación Municipal no pleno extraordinario e urxente celebrado na tarde noite de onte no Concello de Ribadeo.

Mundiña Acebo asegurou que circunstancias imprevistas de tipo persoal lle impiden poder dispor de todo o tempo que lle gustaría para poder atender as súas tarefas como concelleiro de Medio Rural. Agradeceu o convite do alcalde, Fernando Suárez, para integrar a lista do BNG hai dous anos, dixo que foi unha honra formar parte da Corporación Municipal de Ribadeo e que así lle deu continuidade á súa vida profesional, aínda que se atopou “cunha realidade socio económica moi cambiada”. Jesús Mundiña subliñou que nestes meses “traballou cos veciños” en alusión ao seu continuo contacto coas asociacións veciñais para coñecer as necesidades de cada recuncho de Ribadeo.

O rexedor dixo: “quero encomiar a túa entrega diaria e honesta, sempre ao pé do canón, e a preocupación por moitos aspectos”. E agradeceu “a labor realizada, o teu espírito, a túa templanza e a túa actitude en nome de todas e todos os compañeiros do equipo de goberno”.

A Corporación Municipal por unanimidade tamén lle deu o visto bo ao obradoiro de emprego conxunto que solicitarán os Concellos de Ribadeo e de Barreiros para promover e difundir o patrimonio local. Denomínase Territorio Vivo e estará dirixido a 16 xoves desempregados menos de 30 anos e que estean incluídos no programa de garantía xuvenil. O alcalde, Fernando Suárez, na súa intervención dixo que “o primeiro obradoiro que estamos a realizar conxuntamente está a funcionar ben, de aí que como se abriu unha nova convocatoria por parte da Xunta de Galicia, decidimos plantexar este segundo coa intención de darlle continuidade en parte ao traballo que se está a facer e tamén pensando no turismo que se desenvolverá, tras esta pandemia, pensamos na creación dunha nova xeorruta en Ribadeo e dunha ruta entre Barreiros e Ribadeo”.

Exit mobile version