Site icon Crónica3.com A Mariña

Medio Ambiente e entidades de pesca fluvial da provincia abordan a tempada 2021 e a convocatoria en marzo das axudas ao sector

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2021. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e unha representación das entidades de pesca da provincia de Lugo mantiveron unha xuntanza por videoconferencia durante a que abordaron a próxima tempada nos ríos galegos, a poucas semanas precisamente de que dea comezo de forma oficial coa apertura da pesca da troita a partir do 21 de marzo.

Con este encontro, no que tamén participou telematicamente o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, péchase a rolda de contactos que iniciou a Consellería a comezos deste ano coas principais entidades colaboradoras de pesca das catro provincias, unhas reunións que teñen como principal obxectivo recadar as achegas, inquedanzas e opinións do sector pesqueiro con relación a varios asuntos do seu interese.

Neste sentido, a conselleira e os representantes dos pescadores lucenses tiveron ocasión de falar sobre a inminente convocatoria, prevista para o mes de marzo, da liña de axudas da Xunta dirixida a este sector. Dotada cun orzamento de 80.000 euros, Ángeles Vázquez explicou que o obxectivo deste programa é apoiar ás entidades relacionadas coa pesca fluvial no desenvolvemento do seu labor, para o que se financiarán tarefas de vixilancia e limpeza nos ríos, ademais de sufragar os custos de campañas de divulgación.

Así mesmo, a responsable autonómica tamén se referiu á recente aprobación da Lei de Pesca Continental de Galicia, que entrou en vigor o pasado 4 de febreiro e, dixo, suporá un “fito clave” para o futuro do sector, xa que nace co obxectivo de garantir o relevo xeracional do colectivo dos pescadores pola vía da formación e da sensibilización aos mozos galegos.

Para cumprir con este fin, insistiu na importancia de contar co apoio das entidades colaboradoras de pesca fluvial, tanto pola propia función que cumpren como polo seu amplo coñecemento sobre os ríos e a situación da actividade en Galicia. Por esta razón, Ángeles Vázquez comprometeuse a manter co sector unha liña de comunicación aberta e fluída ao longo de todo o ano a través de reunións como a que mantivo hoxe cos seus representantes na provincia de Lugo.

Neste sentido, a conselleira trasladoulles o interese do seu departamento por coñecer de primeira man o parecer das entidades de pesca fluvial sobre estes e outros asuntos que serán determinantes para garantir o correcto desenvolvemento da actividade pesqueira en Galicia, así como para recadar información sobre as particularidades das súas respectivas zonas de influencia e poder telas en conta tanto na redacción das futuras ordes reguladoras tanto da actividade nos ríos galegos como das axudas dirixidas ao sector.

Exit mobile version