Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG interpela ao conselleiro de sanidade sobre as novas fases de vacinación e cuestiona “a desescalada” con máis de 20 falecidos ao día

 Santiago de Compostela, 10 de febreiro, 2021. Pleno. A portavoz de sanidade hospitalaria do BNG, Iria Carreira interpelou ao conselleiro de Sanidade sobre a estratexia do goberno para a vacinación ante unha situación epidemiolóxica cambiante polo que preguntou como será distribuída a vacina, en que fases, con que dotación de infraestruturas e como será configurado o plan ante as diferentes características loxísticas que presentan as vacinas.

A nacionalista lembrou que dende o comezou da pandemia faleceron en Galiza, 2.016 persoas e custionou a anunciada “desescalada” cando continúan producíndose máis de vinte falecementos ao día, as UCIs levan tempo completas, foron habilitadas camas nas unidades de reanimación, espertar, para instalar a aparataxe. UCIs, coma a do Hospital Clínico do CHUS en “condicións lamentables” polas que as profesionais levan 13 semanas en folga”. Unha unidade sen cubículos illados e con material defectuoso, árbores para pendurar a medicación amañadas con esparadrapo ou portas de armarios desencaixadas a piques de caer. Esta realidade, afirmou a deputada é un “auténtico despropósito”.

Na pasada sesión plenaria, lembrou a nacionalista, o presidente da Xunta afirmaba que Galiza era un dos lugares máis seguros de Europa.Non sei se o afirmaba por autoconvencerse ou para convencer ao resto porque os datos do Ministerio de Sanidade reflicten o ingreso nas unidades de críticos nos últimos últimos 7 días, aproximadamente a cuarta parte de todos os ingresos que produciron en todo o estado español durante o mesmo período. Son cifras, que a xuízo da nacionalista, “merecen unha reflexión”.

Sobre as persoas falecidas na pandemia lembrou que no 2021 faleceron practicamente tantas persoas contaxiadas pola SARS-CoV-2 coma durante toda a primeira onda da pandemia. De feito, durante esta terceira vaga estamos a asistir a “máis de 20 falecementos diarios,” unha cifra que debe prender todas as alarmas, recalcou.

Atención teléfonica para substituír á presencial

A deputada asegurou que os profesionais continúan, despois dun ano, traballando en base “á atención telefónica”, un sistema excepcional xa afianzado por parte da administración. Profesionais que levan un ano dando o mellor de si mesmas para poder facerlle fronte a esta pandemia e que non dubidaron en sacar “unha mesiña á chuvia para facer test de antíxenos a pacientes sospeitosas de padecer a COVID que estaban no domicilio e evitar así que entrasen nun centro sanitario”. A cambio desta iniciativa recibiron “amonestacións” e convites da Xerencia a retirar a mesa pola “mala imaxe que se podía dar”.
Tamén esta vacinación tiña que facerse rápido e correndo, buscando a mellor foto e o mellor titular. A vacinación das profesionais sanitarias comezou o 13 de xaneiro, e avisóuselles un día e medio antes, o día 11 ás 7.30 da tarde. De feito, solicitouse ás xefas de servizos unha listaxe das traballadoras de cada centro, e nalgún caso comezaron a darse as citas antes de que esas listaxes chegasen a ser remitidas. “Coa présa de ter a mellor imaxe”, recalcou.

Vacinas sen protocolo para políticos e afíns ao PP

Iría Carreira criticou que políticos e políticas destacados do Partido popular saltaran os protocolos para seren vacinados. Alcaldesas ou conselleiras delegadas de grupos empresariais, afín sao PP que xustifican a súa inmunización polo tempo que pasan nas residencias de maiores”.

A parlamentaria do BNG concluíu a súa intervención apelando ao rigor ante a expectativa creada pola vacina e o acercamento ao horizonte postpandémico porque sabemos que ese “horizonte aínda está lonxe”.

Exit mobile version