Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG propón bonos de 40€ á veciñanza de Viveiro como medida de reactivación da economía local

 Viveiro, 7 de febreiro, 2021. A concelleira do BNG en Viveiro, Míriam Bermúdez, xa foi critica co fracasado plan de reactivación económica despois de ver como quedaban sen axudas moitas empresas viveirenses por mor duns requisitos, redactados polo propio goberno, excesivamente estrictos, tanto foi así que apenas se chegou a gastar o 54% do total das axudas, tendo que sumarlle tamén a tardanza de case 8 meses para recibilas.

A concelleira do BNG aposta por reactivar a economía municipal desde os consumidores e propónlle ao goberno local ofrecer bonos de 40€ a cada veciñx empadroado no concello para uso exclusivo nas empresas municipais e actividades culturais no concello. Deste xeito, apunta Míriam Bermúdez, “non só estariamos a beneficiar ás autónomas e autónomos, senón que con esta medida impulsaríase todo o tecido económico, xa sexa consumidor, vendedor, produtor, distribuidor, etc. Unha medida que non contaría cos estrictos requisitos nen as longas esperas do pasado plan, unha inxección instantánea tendo en conta a situación de urxencia”, concluíu.

A proposta do BNG para os orzamentos 2021 é clara e para nada excesiva, apuntan. Se vemos que dos anunciados 400.000€ do pasado plan de reactivación económica apenas se chegou a dar o 54%, o que son uns 215.000€ segundo anunciou o tenente de alcaldesa, quedou un remanente de 185.000€. Polo que se o Goberno Municipal quere apostar este ano tamén pola cifra dos 400.000 e xunto cos 185.000 de remanente, estaríamos a falar duns 585.000€, cifra que se aproxima ao total necesario para ofrecer bonos de 40€ se contamos que Viveiro ten uns 15.700 habitantes. Un total en axudas de 628.000€ sempre e cando se utilizasen todos os bonos, algo moi pouco probable e por iso desde o BNG solicitamos aproximar a partida orzamentaria a esta cifra.

Por outra banda, Míriam Bermúdez incide tamén na gran necesidade de crear un Plan de Pagos Personalizado Municipal, estabelecendo unha reducción do 3% na cota íntegra dos impostos municipais, podéndose adherir de xeito voluntario as veciñas e veciños que así o desexaran. Un plan de pagos individualizado que lles facilitaría ás familias e empresas o pago dos seus impostos municipais, onde ademais da reducción do 3%, poderían elexir a forma de pago que máis lles conveña, ben sexa mensual, bimestral, trimestral ou semestral.

Exit mobile version